Iria Bermúdez, presidenta da ANPA do CEIP A Pontenova «Queremos un compromiso por escrito das obras que se van facer e dos prazos que se van cumprir»

NOTICIAS AQUI DIARIO (1200 x 675 px) (3)
A presidenta da ANPA do CEIP  A Pontenova participou na concentración convocada polo Concello e as familias para reclamar melloras no colexio e critica a perda dunha unidade de Infantil pese a manter as matrículas

Este mércores 23 de xullo, a ANPA do CEIP A Pontenova e o Concello convocaron unha concentración diante da sede da Xunta de Galicia en Lugo. A mobilización tiña un dobre obxectivo: por unha banda, manifestarse ante a falta de médicos e as listas de espera de ata 15 días; por outra, denunciar o deterioro das instalacións do colexio público e a supresión dunha unidade de Infantil no curso 2025–2026. Iria Bermúdez Larrea, presidenta da ANPA, explica as razóns da protesta e reclama garantías por escrito que poñan fin á incerteza.

Como valoran a resposta que tivo a concentración convocada este mércores en Lugo?
Sentímonos moi orgullosos porque acudiu moita xente, tanto nos autobuses como por conta propia. A resposta foi moi boa. 

Que foi o que levou a ANPA a organizar esta mobilización?
Levamos tempo enviando escritos e alertando da situación do centro. O colexio ten máis de corenta anos e nunca se fixo unha reforma importante. Hai deficiencias moi evidentes —ventás vellas, baños en mal estado, fendas nas paredes, chan desnivelado— e, sobre todo, en decembro do ano pasado caeu parte do teito dunha aula de sexto de Primaria. A isto súmase agora a decisión de suprimir unha das unidades de Infantil. Os nenos que cursarían quinto de Infantil van ser divididos: unha parte irá con tres anos e outra con cinco.

«Non estamos pedindo un colexio máis bonito, senón un colexio seguro»

Confirmouse xa oficialmente esa reorganización?
Si, está totalmente confirmada. A semana pasada, o martes, tivemos unha reunión co inspector da zona. Xa se lle enviaran escritos, recibiunos, e díxonos que a decisión está tomada e que vai ser así: o centro quedará cunha unidade menos de Infantil.

Como consideran que pode afectar esa medida ao alumnado?
Pensamos que non se tivo en conta o benestar dos nenos. Empezaron o ano pasado cun grupo de compañeiros e agora vanse atopar separados. Os nenos non foron tidos en conta, e iso é o que máis nos preocupa.

 

Imagen de WhatsApp 2025-07-23 a las 15.42.38_9c04bc58

Recibiron algunha explicación sobre esta decisión?
Temos o mesmo número de alumnos en Infantil que o ano pasado, polo que non contabamos con perder a unidade. Na reunión tampouco nos deron unha razón clara. En resumo, dixéronnos que o ano pasado foi dunha maneira e este ano será doutra. Pero sabemos que, se non actuamos, cada vez iremos perdendo máis.

«Sete meses para arranxar un teito caído non nos parece unha resposta áxil»

O centro está a medrar nos últimos anos.
Si. No curso anterior á pandemia había 69 alumnos; o curso pasado, 112. Ademais, en setembro adoita haber novas altas. É un centro en crecemento, e iso debería terse en conta.

 A nova normativa sobre ratios influíu nesta decisión?
Si. A Xunta asinara un acordo coas ANPAs e sindicatos no que se recollían ratios máis axustadas. Se se aplicasen xa no curso 2025–2026, o colexio mantería as tres unidades de Infantil. Pero coa Lei 5/2024, esas ratios non serán efectivas ata 2027, porque se aplicarán de forma progresiva.

En canto ao estado das instalacións, cal é a súa principal demanda neste momento?
Agora mesmo están actuando no teito que caeu en decembro, pero non podemos falar dunha resposta «áxil» cando pasaron sete meses. O que pedimos é unha reforma integral dos desperfectos. As autoridades estiveron no centro e viron como está. Non pedimos un colexio máis bonito, senón un colexio seguro, que pense no benestar do alumnado.

«Temos o mesmo número de nenos en Infantil que o ano pasado e aínda así suprímese unha unidade»

Solicitaron algo máis concreto á Consellería de Educación?
Si. Na concentración pedimos publicamente un compromiso por escrito: que nos digan que obras se van facer e cales son os prazos. Levamos meses enviando escritos desde a ANPA sen obter resposta. Queremos algo claro ao que acollernos. Agora mesmo non temos ningún compromiso formal, e iso é o que pedimos.


 

Comentarios