Burela rende homenaxe á súa Terceira Xuventude cunha celebración que reúne a máis de 620 maiores

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
A cita combinou comida, música, entrega de agasallos e un sorteo especial nun ambiente marcado polos reencontros e o recoñecemento á contribución dos maiores á vida do municipio

O pavillón dos institutos de Burela converteuse este 1 de maio no punto de encontro dos maiores do municipio coa celebración do Día da Terceira Xuventude, unha cita xa consolidada no calendario local que nesta edición superou todos os récords de participación ao reunir a 621 asistentes, case un cento máis que o pasado ano.

A xornada, organizada polo Concello, tivo como obxectivo ofrecer un espazo de lecer e convivencia ás persoas maiores, ao tempo que se lles rendía homenaxe polo seu papel na construción e desenvolvemento da localidade. A alcaldesa, Carmela López, encabezou a representación municipal que acompañou aos asistentes nun día marcado polos reencontros, a música e o ambiente festivo. Para facilitar a asistencia, o Concello habilitou un servizo de autobús que trasladou ao pavillón a preto dun cento de persoas desde a Praza do Concello, garantindo así que todos os interesados puidesen participar na celebración.

 


Os asistentes compartiron unha comida composta por empanada, callos con garavanzos, codillo e milfollas de sobremesa, ademais de café e chupito. A celebración continuou cun animado baile amenizado polo grupo Toxo Guayaba, que puxo ritmo a unha tarde na que non faltaron os momentos de convivencia e diversión.

Como é habitual nesta cita, o Concello entregou tamén un agasallo a cada participante. Nesta ocasión, as mulleres recibiron un colgabolsos e os homes un abrebotellas. Ademais, houbo un recoñecemento especial para as persoas de maior idade presentes na comida: Dolores Andión Vila, de 92 anos, e Jesús Arnao Valle, de 96.

A xornada completouse cun sorteo dun vale de 500 euros para unha viaxe entre os asistentes. O número premiado foi o 473, correspondente a María Luisa Romero Ortiz, quen poderá gozar agora dunha experiencia turística grazas a este premio.

Comentarios