Fran Cajoto, alcalde de Foz: «No Entroido técense uns fíos invisibles que conforman o concello»

Fran Cajoto, alcalde de Foz
O rexedor estima que máis de 40.000 persoas abarrotarán a vila na xornada do desfile

O Entroido de Foz consolídase como unha das citas festivas máis importantes da Mariña. Miles de persoas ateigan a vila para gozar cunha festa declarada de Interese Turístico de Galicia. Fran Cajoto, o alcalde, fai balance do que espera da festa.

-Que importancia ten o Entroido de Foz na Mariña?
-O Entroido de Foz é especial por como o vive a xente. As comparsas son familias con lazos de unicón que desembocan en ceas e reunións fóra desas datas. No Entroido técense uns fíos invisibles que conforman o concello. Ten esa característica de pegamento e unión. Polo tanto, é moi representativo da comarca, con fíos de unión con outras partes.

-Cales son as expectativas do Entroido 2026?
-As sensacións son cada ano mellores polo ambiente que se respira, polas gañas que hai e polos antecedentes. Despois da cerimonia de coroación, as expectativas son máximas.

-Como evolucionou o Entroido nos últimos anos?
-Colleu outra dimensión. Cada vez se organizan máis viaxes desde Galicia e a península co gallo da celebración do carnaval. O que fixo posible este salto foi a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia. Por exemplo, este ano ven un grupo do sur de Lugo con estancia, outro grupo de autocaravanistas de Extremadura para o desfile... Polo tanto, o Entroido de Foz tamén move a economía.

-Isto recpercute no orzamento que se lle destina?
-É certo que o Entroido colleu unhas dimensións importantes. Os dous últimos anos instalamos unha carpa máis grande para albergar todos os eventos. E agora levamos un tempo avanzando nos detalles. Intentamos mellorar a organización e a seguridade, así como a facilidade para adquirir as entradas; está todo dixitalizado. Hai que medrar, pero hai que facelo de forma meditada.

-Que expectativas de afluencia manexan?
-Partimos que máis de 2.000 persoas participan no desfile. En Foz, no vrao, a cantidade de poboación triplícase. Nestas datas agardamos varios miles máis. Podemos alcanzar as 40.000 ou 50.000 persoas, pero estarán moi concentradas no núcleo. Polo tanto, pedímoslles que veñan con tempo e paciencia, porque estacionar vólvese máis difícil. Sempre está a alternativa perfecta de vir o día anterior e gozar coa nosa hostalería.

-Que importancia ten o desfile no Entroido?
-Todo xira arredor do desfile. Ano tras ano, a afluencia medra. Pero tamén queremos potenciar algún evento que ten máis marxe, como a Queima do Entroido, que é máis íntima.

-Cal é o proceso de coordinar toda a organización?
-Require un traballo inxente, sobre todo da área de Cultura. Ademais dos técnicos e do persoal, a concelleira Inés e o concelleiro Ángel están moi implicados. O equipo de obras axuda a dispoñer a vila. Baleiramos as principais rúas para que todo sexa máis cómodo. Dispoñemos valos, postos, loxística; tamén se require comunicación, a transmisión por streaming... Todo sae adiante polo esforzo de moita xente.

-Como pode afectar a climatoloxía?
-Temos moita sorte, porque contamos con xente con formación de moitos tipos, como un meteorólogo que nos di en Facebook que as posibilidades de choiva para o sábado pola tarde son escasas. Confiamos en que se cumpra o pronóstico e que gozaremos dunha gran xornada.

-Aplícanse no Entroido de Foz medidas de sustentabilidade?
-Reforzamos o servizo de limpeza e tamén informamos de como hai que tratar o lixo. Despois do Carnaval, tamén reforzaremos os servizos de limpeza. Non debemos esquecer que moitas persoas traballan moi duro para que outros gocemos coa festa.

-Que espera de cara ao futuro?
-Faremos a solicitude para que o Entroido de Foz sexa declarado Festa de Interese Turístico Nacional. Ademais, como xa mencionei, tentaremos potenciar as actividades menos concurridas. En todas as edicións falamos cos grupos que o forman, porque son eles os que marcan o camiño. O Carnaval é pasalo ben, gozar, usar a retranca... Ese bo ambiente ten que prevalecer.
-