Inés López Couto: «O Entroido de Foz é meses de traballo e un sentimento de unión»

NOTICIAS AQUI DIARIO (1200 x 675 px) - 2026-02-12T180519.864
photo_camera La edil en la cena de coronación del Rei do Entroido de Foz
A edil de Cultura destaca o papel do desfile, o esforzo das peñas durante todo o ano e o traballo para acadar as declaracións de interese turístico nacional e internacional

O Entroido é unha das celebracións máis esperadas en Foz e unha das que maior implicación xera entre a veciñanza. Tras o desfile, os disfraces e as diferentes actividades, hai meses de organización, ensaios e preparación. A concelleira de Cultura de Foz, Inés López Couto, explica que fai especial este carnaval, como evoluciona a participación e cara a onde se dirixen os retos de futuro.

- Que supón o Entroido para Foz?
- Xunto coa festa do Carmen, que quizais é a que ten máis emoción, o Entroido é o que xera máis ilusión e máis unidade entre a xente. As peñas non son só grupos de amigos, senón tamén familias enteiras, dende os avós e incluso os bisavós ata os máis pequenos da casa. Son moitos meses de traballo e xérase comunidade; é moi bonito porque é un sentimento de unión que, sobre todo, no día do desfile, é cando máis se amosa. 

- Hai moito traballo detrás…
- Do que vas organizando cada ano intentas anotar por se hai erros para non repetilos. No caso dos grupos, paran cando remata o Entroido, pero só un par de meses, porque axiña comezan coas ideas para o seguinte. No verán organizan festas para xuntar apoio económico para os traxes e as carrozas; xa entón empezan a coser e, cando chega o outono, piden locais para ensaiar e xuntarse para montar os bailes. A verdade é que é un traballo de todo o ano.

- Que fai diferente o Entroido de Foz?
- Faino diferente a cantidade de xente que é capaz de arrastrar, porque o sentimento que ten o pobo tamén se reflicte en que atrae a moita xente. Ademais, o desfile dá o pistoletazo de saída aos Entroidos da contorna. No caso de Foz temos a figura da raíña ou do rei, que abre o carnaval e non existe noutros municipios. Outra das cousas que marca a diferenza é o plan do luns de Entroido, unha idea dun grupo de xente que representa de forma graciosa cousas curiosas que pasaron no pobo durante o ano. Despois remata no baile do farolillo. É un día moi vivido, máis relaxado, no que a xente se disfraza co que atopa pola casa.

- Hoxe remata o prazo de inscrición para ao desfile, como está a participación?
- Antes deixábamos inscribirse incluso o propio día, pero organizativamente era complicado. Agora preferimos que o fagan con antelación para poder montar ben a orde de saída. A participación mantense; aínda non fixemos o reconto final, pero non baixou.

- Están moi pendentes da meteoroloxía…
- Despois de tanto tempo de chuvia, todo o mundo está moi pendente do tempo. Parece que nos vai dar unha tregua e con iso é suficiente. O ano pasado fixo moito vento e os grupos pasárono mal. Só pedimos unhas horas sen chuvia nin vento e sairemos igual; aquí dise: “Se chove, dúas voltas”.

- Mirando cara ao futuro, a onde queren levar o Entroido?
- O que nos gustaría é rematar o camiño para acadar a declaración de interese nacional e internacional. Estamos traballando na comunicación audiovisual, gardando imaxes e vídeos e preparando unha web que recolla todo ese material para cumprir os requisitos e poder presentar a solicitude cando pase o tempo necesario, que se establece dende que se outorga a declaración galega. 

- Algunha mensaxe final?
- Dende o Concello queremos que a organización sexa a mellor posible; pedimos desculpas se hai algún erro e, sobre todo, animamos a que se acheguen a Foz a desfrutar e pasalo ben. Como dicimos aquí: isto é Foz, e aquí hai carnaval.

Comentarios