Aquí Diario testemuña o éxito das III Xornadas Etnográficas da Mariña en Barreiros

NOTICIAS AQUI DIARIO (1200 x 675 px) (10)
A música, a palabra e a memoria foron protagonistas esta fin de semana en Barreiros nas III Xornadas Etnográficas da Mariña. Aquí Diario estivo alí para contalo, nun evento que encheu a comarca de tradición, orgullo e participación, reafirmando o papel fundamental da cultura popular na construción dunha identidade colectiva viva e compartida

Barreiros acolleu esta fin de semana as III Xornadas Etnográficas da Mariña (XEAM), que volveron converterse nunha celebración multitudinaria da cultura tradicional galega. Organizadas pola Asociación Tecedeira co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Barreiros, as Xornadas consolidáronse como unha cita indispensable para a difusión e posta en valor do patrimonio inmaterial da Mariña e do conxunto de Galicia.

O equipo de Aquí Diario estivo presente durante toda a fin de semana nas III Xornadas Etnográficas da Mariña, recollendo testemuñas, vivencias e imaxes dun evento que se consolidou como referente da cultura tradicional galega. Achegámonos aos protagonistas, ás agrupacións participantes e ao público asistente para vivir de primeira man esta celebración da identidade mariñá.

O evento deu comezo o pasado venres cunha apertura institucional a cargo da alcaldesa Ana Ermida, quen destacou o orgullo que supón para o concello acoller unha iniciativa que “reforza o traballo que se leva facendo dende hai anos pola cultura tradicional, especialmente desde asociacións como O Arco da Vella”. De seguido, o grupo Tumba e Dalle estreou o escenario cun concerto baseado en repertorio oral recollido na comarca, poñendo en valor a transmisión interxeracional da música popular.

 

 

A xornada do sábado estivo marcada pola reflexión e a divulgación. O recoñecido músico e investigador Xabier Díaz compartiu as súas vivencias no relatorio Metendo as mans na terra, onde reivindicou a importancia das recollidas de campo para manter viva a memoria sonora do país. A continuación, as persoas asistentes puideron gozar dunha visita guiada á exposición Tecedeiras, arte e talento na sombra, unha mostra do enxoval doméstico tradicional pertencente á colección de Manuel R. Calviño, que emocionou pola súa delicadeza e valor simbólico.

Xa pola tarde, a gaiteira e musicóloga Xiana Teixeiro afondou na historia dos cuartetos Os Pacheco e Os Veigas, referentes musicais da comarca de Mondoñedo. A xornada culminou cunha animadísima foliada/polavila onde participaron agrupacións como O Arco da Vella, Amado Lar, As Ferriñas, Osorio Gutiérrez e A Chocolateira, seguidos dos concertos de Unto Vello e Lagharteiras, estas últimas moi aclamadas polo seu traballo de recuperación do repertorio das cantareiras.

O domingo a programación continuou cun acto profundamente emotivo: a escoita dunha gravación histórica do gaiteiro Hermógenes, recollida por Quique Penabad nos anos 80, que foi reinterpretada polos gaiteiros de O Arco da Vella. Posteriormente, presentouse o libro Cantareiras, de Icía Varela e Xosé Manuel Varela, que percorre a tradición das pandeireteiras desde a Terra de Nemancos ata Bergantiños e Cerqueda. A clausura celebrouse cunha mostra etnográfica na Praza do Concello, coa participación de O Fiadeiro (Vigo) e O Arco da Vella, que puxeron o broche perfecto a unha fin de semana chea de identidade e comunidade.

O deputado de Mocidade, Daniel García, subliñou que “a consolidación destas Xornadas como unha cita festiva e divulgativa demostra a vitalidade do tecido asociativo e o compromiso institucional coa cultura de base”. En palabras súas, “a música, o baile e o traxe tradicional galego non son pezas de museo, senón linguaxes vivas que seguen a emocionarnos e a definirnos como pobo”.

Coa imaxe gráfica a cargo do artista mariñao Davixino, as III Xornadas Etnográficas da Mariña foron moito máis ca un encontro cultural: foron un espazo de encontro interxeracional, de reflexión compartida e de celebración sentida dunha cultura viva que segue a latexar con forza na Mariña e máis alá.

A cultura galega, unha vez máis, falou en Barreiros. E fíxoo ben alto.

Comentarios