Aquí Diario asistiu á xornada do BNG sobre a vivenda na Mariña

NOTICIAS AQUI DIARIO (1200 x 675 px) (3)
photo_camera Asistentes á xornada do BNG en Foz
O Bloque Nacionalista Galego celebrou este sábado, 31 de maio, unhas xornadas de análise da problemática actual coas vivendas na Mariña. O acto recolleu a necesidade de impulsar un novo modelo de vivenda protexida

Esta mañá tivo lugar unha xornada na que o Bloque Nacionalista Galego analizou o panorama actual sobre a vivenda na Mariña, unha problemática que intranquiliza a poboación en xeral. O encontro realizouse no Hotel Oca Praia de Foz e participaron cargos institucionais do partido político e profesorado universitario.

O acto deu comezo ás 10.00h coa recepción das persoas asistentes. Francisco Xavier Fanego, voceiro municipal do partido en Foz, foi o encargado de abrir as xornadas, dando paso á primeira mesa de análise baixo o título “A vivenda, un dereito”. Esta sesión estivo moderada polo deputado no Parlamento, Daniel Castro, e contou coas intervencións de Alexandra Fernández, deputada e responsable de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Vivenda, e Rubén Lois González, catedrático da USC no departamento de Xeografía.

Tras un pequeno descanso e un espazo reservado para atender á prensa, ás 12.15h deu comezo a segunda mesa de análise “O papel dos concellos”. Nesta ocasión, as poñentes foron a senadora nas Cortes Xerais Carme da Silva, a doutora en Xeografía e Historia pola USC María Xosé Piñeira Mantiñán, e Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros, vicepresidenta da Mancomunidade da Mariña e membro da executiva da FEGAMP.

Durante toda a xornada abordouse a dificultade para acceder a unha vivenda digna. Dende o BNG señalan que a crise de accesibilidade á vivenda afecta especialmente aos sectores máis empobrecidos, que non teñen posibilidade de adquirir unha vivenda en propiedade e vense obrigados a alugar por prezos abusivos, sen que exista unha alternativa pública a prezos asumibles.

Ante este panorama, o BNG defende a necesidade de impulsar un novo modelo de vivenda protexida que garanta un acceso xusto e que priorice a rehabilitación do parque existente.

Outro dos puntos destacados foi a limitada capacidade de actuación dos concellos fronte a este problema, ao non contar cos recursos nin coas competencias suficientes. Tanto Carme da Silva como Ana Ermida coincidiron en que é a Xunta quen ten a obriga de colaborar cos concellos.

Finalmente, desde o BNG instaron ao goberno autonómico e ao Partido Popular a actuar con urxencia e anunciaron a necesidade de elaborar un estudo específico sobre a situación da vivenda na Mariña.