A xornada desenvolveuse durante a mañá co obxectivo de visibilizar os proxectos agroecolóxicos existentes na comarca e divulgar os valores, beneficios e potencialidades deste modelo de produción.
O VI Consello Alimentario do Eo celebrouse este, 18 de decembro, na Casa da Cultura da Pontenova, reunindo a representantes institucionais, entidades e consumidoras co obxectivo de poñer en valor a produción agroecolóxica do territorio e reforzar a marca Eo Alimenta como referente de produtos sans, locais e comprometidos co medio ambiente.
A xornada desenvolveuse durante a mañá para visibilizar os proxectos agroecolóxicos existentes na comarca e divulgar os valores, beneficios e potencialidades deste modelo de produción, promovendo un sistema alimentario máis sostible e de proximidade.
O encontro comezou cunha benvida e introdución ao traballo que se está a realizar desde Eo Alimenta, seguida do espazo “A voz das consumidoras”, no que se abordou a importancia do consumo responsable e do apoio á produción local.
Tras a pausa café, presentouse a fase actual do Test_Eo, unha ferramenta destinada a analizar e mellorar o sistema alimentario do territorio, e a continuación tivo lugar a presentación do SGP, o Selo do Eo Alimenta, creado para identificar e dar valor aos produtos agroecolóxicos da comarca.
A xornada concluíu co pleno do Consello Alimentario do Eo, no que se compartiron propostas e liñas de traballo futuras, reforzando a colaboración entre produtoras, consumidoras e administracións, e avanzando no proxecto Eo Alimenta grazas á alianza entre a Asociación de Produtoras e a Área de Medio Rural da Vicepresidencia, que fortalece a rede público-privada para consolidar a produción agroecolóxica na comarca.
Na cita participaron os concellos de A Pontenova, Barreiros, Ribadeo, Vegadeo, San Tirso de Abres, Taramundi e Tapia de Casariego, así como o Banco de Terras de Asturias e as entidades membras do grupo motor do Consello Alimentario do Eo: Fundación EDES, Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rede Galabra, HISTAGRA, CISPAC, GDR Terras de Miranda, SomosTerra, Cooptimiza e, por suposto, a Asociación de Produtoras Eo Alimenta.