Xacobo Ares, director artístico das Xornadas Etnográficas da Mariña: «Non coñezo mellor maneira de devolverlle á miña familia e á miña terra todo o que me deron»

Xacobo Ares

Xacobo Ares fala con paixón sobre o proxecto que impulsa desde Tecedeira, unha iniciativa que procura preservar e transmitir a cultura tradicional galega a través da formación, a investigación e a celebración colectiva

 

As III Xornadas Etnográficas da Mariña celebraranse este ano en Barreiros, do 30 de maio ao 1 de xuño, consolidándose como un referente na posta en valor da tradición popular galega. Detrás deste proxecto está Xacobo Ares, músico e divulgador, que coa asociación Tecedeira promove un espazo de encontro entre xeracións, saberes e emocións colectivas. Nesta entrevista, Ares repasa a traxectoria das Xornadas, reivindica o papel das asociacións locais e reflexiona sobre a necesidade de manter vivo o “lume” da tradición fronte ao esquecemento.

- Como naceu Tecedeira e que che levou a iniciar este proxecto de investigación e divulgación da música tradicional?
O proxecto Tecedeira nace dunha inquedanza formativa personal xa que botaba en falta unha formación máis completa e máis alá de como se colle unha pandeireta e como se executa.

- Que representa para ti, a nivel persoal, a cultura tradicional galega e por que consideras fundamental traballar pola súa preservación?
A cultura tradicional galega é o que me fai ser o que son, o que nos fai ser o que somos. Somos galegos -como dicía Castelao -por obra e gracia do idioma, máis tamén por obra e gracia do tesouro riquísimo que temos no patrimonio inmaterial, da nosa música, da poesía popular que en cada copla e en cada cante berra as inxustizas, as costumes, as penas, os amores, os desamores e as alegrías dun pobo, de todo iso que nos foi transmitido por aquelas que nos deron a vida. Imaxínate o que significa para min. Todo. Por tanto é vital a súa conservación, é responsabilidade nosa como sociedade e como pobo manter vivo este legado que é o que nos fai ser. Se perdemos todo isto condenamos a noso pobo ao esquecemento.

- As XEAM chegan este ano á súa terceira edición. Que balance fas do camiño percorrido desde aquela primeira convocatoria en Ribadeo no 2022?
Pois o balance é moi positivo, con todos os contratempos que pode levar sacar adiante un proxecto así. Fumos e imos crecendo moi pouco a pouco. O que temos nas mans é moi delicado e hai que mimalo moito. Por iso o apoio das administracións está sendo fundamental, este ano por fin houbo un aposta clara por parte da Deputación para que as Xornadas sigan sendo unha realidade. Non podemos estar máis agradecidos e máis, coincidindo un ano tan especial ao ser adicado o día das Letras Galegas as gardiás e transmisoras deste tesouro, as cantareiras.

- Este ano celebraranse en Barreiros. Que destacas do feito de que sexan unhas xornadas itinerantes? Que achega esta rotación ás distintas vilas da Mariña?
A itinerancia foi algo que sempre tiven claro. A Mariña ten un tecido asociativo inmenso que traballa coa tradición, creo que non hai concello sin asociación. Por iso queremos facer as Xornadas cada ano nun Concello, que elas sexan as anfitrionas e as protagonistas e dinamizar toda a comarca.

- Que nos podes adiantar sobre a programación desta edición? Que actividades ou propostas cres que van sorprender máis ao público?
Este ano o programa quedou redondo. Sara e eu intentamos afinar o máis posible. É un luxo discutir con Sara cada programa e ver como se constrúe pouco a pouco. No caso da exposición levabamos anos detrás dela, é unha xoia que por fin poderemos ter nas Xornadas. Ter a Xabier Díaz é unha honra, Lagharteiras, as asociacións da Mariña. É que non podería elexir. Todo o programa é sorprendente.

- Definides as Xornadas cunha cita de Gustav Mahler: «A tradición non consiste en adorar as cinzas, senón en preservar e transmitir o lume». Como se materializa esta idea nas actividades que organizades?
Pois neso mesmo, en transmitir e en formar á mesma vez. Poñer nas túas mans o que está nas miñas. Eu teño unha inquedanza coa formación, a quen lle ensinas como se toca a pandeireta tamén ten que saber de onde ven o que está tocando, onde se cantaba, quen o cantaba, porque se cantaba ou se tocaba así, quen transmitiu ou informou con nomes e apelidos. Como se recolle e como se recolleu todo o patrimonio, como se divulga, etc... Sen certos coñecementos a formación non está completa. Meus sobriños xa teñen unha pandeireta na man e teñen a sorte de ter unhas mestras marabillosas que lles inculcan todo isto. Que sorte máis grande.

- Que importancia lle das á participación da veciñanza e das asociacións locais nas xornadas e no proxecto de Tecedeira en xeral?
Toda, os proxectos non serían nada sen a xente que os conforma. Sen as asociacións da Mariña e en xeral de todas aquelas que traballan coa tradición as Xornadas non terían sentido.

- Como ves a relación entre as novas xeracións e a música tradicional? 
Como dixen antes son unha persoa bastante positiva. Certo é que dende o boom das "Tanxugueiras" subiu moito o alumnado nas asociacións e medrou o interese pola tradición e a inquedanza por aprender a tocar a pandeireta, a zanfona ou que sexa. Pero estas cousas son cíclicas, agora estamos moi arriba pero vai chegar o momento da baixada, por iso temos que coidar moi moi ben o que temos e o que estamos construíndo. Está sendo importantísima a fusión da música galega con outras músicas. Iso tamén abre o campo. Se eres un rapaz novo que vas a un concerto de Alana -por poñer un exemplo- e despois chegas a casa e buscas quen é Rosa de Moscoso, Delfina, ou María de Silván pois todo estará cumplido. 

- En varias ocasións falastes da falta de apoio institucional para as pequenas asociacións culturais fronte aos grandes eventos. Que demandas concretas lle farías ás administracións?
É que se non hai apoio institucional non hai quen sosteña nada. Non podemos ser hipócritas. Pois o que vimos falando con elas todos estes anos, que é vital o apoio á cultura galega, que neste país sobra talento pra soster o que faga falta. Que hai máis sabiduría, talento e música na casa do lado que no festival máis "moderno". 

- Que metas tes para o futuro de Tecedeira? Imaxinas un crecemento maior ou mesmo unha profesionalización do proxecto?
Pois "virgencita que me quede como estoy". Neste sentido temos moi claro cal é o camiño que queremos seguir, temos un proxecto moi ilusionante co que cada día se ilusiona máis xente e temos que coidalo e traballar nel cada día. As Xornadas Etnográficas son de todas. Temos proxectos no papel, pero non queremos embarcarnos noutra historia cando aínda está esta por escribir.

Xacobo Ares, director creativo das Xornadas Etnográficas da Mariña.
Xacobo Ares, director artístico das Xornadas Etnográficas da Mariña.

- Que lle dirías a alguén que nunca asistiu ás Xornadas Etnográficas da Mariña para animarse a participar?

Pois que é un espazo de aprendizaxe, de festa, seguro, acolledor, libre, onde se pode aprender, bailar, tocar, coñecer xente marabillosa e quen sabe se atopar ó amor da túa vida nun torreiro da Mariña (rí).

- E por último, que significa para ti, como persoa e como artista, poder levar adiante este proxecto na túa terra, na Mariña?Pois todo, para min o é todo. Veño dunha familia na que a música tradicional foi o centro, o apelido Ares deixou unha fonda pegada no mundo da gaita grazas ao grupo "Os Montes de Lugo" que fundaron meus tíos Francisco e Anxo e o meu bisavó Daniel. Meus avós bailaron e cantaron na primeira formación de "Cantigas e Frores" que foi onde se coñeceron alá polos anos 50, miña nai tamen formou parte de Cantigas, miña irmá foi unha bailadora excepcional de "Amigos da Gaita". Todo iso nos foi transmitido, foi o agasallo máis grande que nos puideron facer, e agora son os meus sobriños quenes teñen o testigo na man. Xa te podes imaxinar o que significa para min a tradición e levar este proxecto as costas xunto con Sara García. Todo. Non coñezo outra maneira mellor de devolverlle a miña familia e a miña terra todo o que me deron e fixeron por min.

Comentarios