Un Nadal cheo de actividades en Burela

O Concello de Burela, en colaboración coa Asociación de Comerciantes e Industriais de Burela (ACIA), anunciou un programa de Nadal repleto de actividades reforzando a pluralidade de propostas para celebrar estas datas tan especiais. No seu primeiro ano como alcaldesa de Burela, Carmela López pretende que os bureleses e as burelesas vivan con máis ilusión que nunca estes festexos de Nadal. 

Coincidindo o novo goberno municipal coa renovada directiva de ACIA, ambas as entidades orientan a súa xestión en inxectar dinamismo en todos os aspectos da vida en Burela. O seu compromiso radica na diversificación de actividades, xerando unha oferta plural que reflicte a vitalidade e a diversidade que ofrece a vila mariñá. Conscientes do valor que o comercio representa no día a día, queren destacar a multitude de opcións e a variedade que ofrece á hora de realizar as compras nestes días tan sinalados. Así pois, o espírito de Nadal desprégase en Burela cunha oferta diversa e emotiva que promete encher de alegría e vida estas festas

Co lema ‘Xuntos facemos Nadal en Burela’, ACIA, en colaboración co Concello, dispuxo un programa cheo de dinamismo e actividades que veñen acompañadas de premios directos ao mercar nos establecementos asociados. Poderanse conseguir botellas de aceite de oliva e vales de compra que serán cambiables en calquera negocio socio da asociación. 

xuntosfacemos nadal


Por outra banda, levarase a cabo un ‘Concurso de escaparates’, con premios en dúas categorías: comercio e hostalaría. Ofreceranse incentivos tanto por elección do xurado como por interacción en redes sociais. Ademais, a ambientación non se queda atrás coas ‘Praciñas de Nadal’, onde a decoración festiva das rúas de Burela acompañarase con actuacións musicais. 


Patricia Eijo, concelleira de Festas e Festexos manifestou: «animamos a todas as persoas a que nestas festas visiten o Concello de Burela participando do amplo programa de actos preparado para todas as idades. Non soamente pretendemos xerar ilusión nos nenos e nenas, a iluminación do Nadal tamén é un reclamo turístico que activa o comercio e a hostelería nestas datas».


A carpa de Nadal na praza da Mariña eríxese como o epicentro da ilusión, ofrecendo actividades diarias durante as vacacións para os máis pequenos da casa, desde as iniciativas da Aula Gaia ata as propostas do Centro de Actividades. A variedade convértese no prato principal para entreter a nenos y mozos cunha ampla gama de opción. 


Destacan os obradoiros con Gaia, a presenza da biblioteca na rúa, sesións de baile e xogos abertos para toda a comunidade baixo a dirección do técnico deportivo. Ademais, resérvase un espazo especial durante tres días para actividades, que incluirán colchonetas, karaoke e lentes de realidade virtual dirixidas aos máis novos


O sábado 16, ás 18 h na carpa da praza da Mariña, está programado 'Rockeando coa Ramona Pequena', do grupo Pakolas. O venres, día 29, na Casa da Cultura ás 18 h, celebrarase tamén o musical La Sirenita.


Os amantes da música están de sorte, xa que o domingo, 17 de decembro, poderase gozar do concerto ‘Panxoliñas’, da man da Coral Polifónica de Burela. Será na Casa da Cultura ás 20:30 h. O mércores, día 20, na Escola de Música ás 20 h, terá lugar o ‘Concerto en familia’. O sábado 23, ás 19 h na carpa instalada na praza da Mariña, poderase asistir a un novo concerto da Coral Polifónica, organizado conxuntamente con ACIA Burela. Para pechar o día, realizarase un pasarrúas de Nadal coa banda Dambara


Por outra parte, a ANPA do CEIP Vista Alegre organiza, o xoves 21, unha ‘Festa Infantil de Nadal’, aberta a todos os nenos e nenas que queiran pasalo ben e desfrutar cos seus amigos, na carpa da praza da Mariña de 17 a 20 h. Na axenda cultural de Nadal de Burela tamén haberá espazo para a maxia co espectáculo benéfico en familia ‘Maxicamente’ a favor de Saúde Mental A Mariña. Os festexos de Nadal culminarán o día 5, venres, coa tradicional cabalgata e a Rosconada

Desde o Concello de Burela aproveitan a ocasión para felicitar aos traballadores do Concello e ás empresas que colaboraron arduamente para lograr unha decoración de Nadal tan especial. 

axendadecembroburela