A Xunta impulsa a formación marítimo pesqueira cunha rede de centros de referencia nacional aos que destina 12,3 millóns de euros
A actividade marítimo-pesqueira ten un carácter estratéxico en Galicia, a maior rexión pesqueira de Europa, dado que representa o 5% do PIB e ao redor de 50.000 postos de traballo. Un sector que enfronta retos como a remuda xeracional, fundamental para garantir a incorporación de novos profesionais a bordo da ampla frota galega espallada por caladoiros de todo o mundo. Con esa meta no horizonte, a Consellería do Mar inviste este ano 12,3 millóns que financian a rede de centros de formación autonómicos composto polo Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico en Vigo (IPMPA), o primeiro deste tipo en España e recoñecido como Centro de Referencia Nacional (CRN) en Pesca e Navegación, a Escola Oficial Náutica-Pesqueira de Ribeira, e outra localizada en Ferrol. Ademais, está o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), na Illa de Arousa, recoñecido como Centro de Referencia Nacional en Acuicultura e Mergullo.
No presente curso son máis de 500 persoas as matriculadas nos ciclos de formación profesional no ámbito pesqueiro, a maior matrícula desde o curso 2018/2019 e que medrou un 3% respecto ao pasado curso, o que reflicte a elevada demanda e interese laboral que suscita esta actividade na comunidade. A oferta formativa abarca os ciclos superiores de Patrón de Altura e Mecánico Maior Naval, os ciclos medios de Patrón de Litoral e Mecánico Naval, así como o ciclo superior de Acuicultura, o ciclo medio de Cultivos Acuícolas e o ciclo medio en Operacións Subacuáticas e Hiperbáricas, recentemente homologado polo International Marine Contractors Association (IMCA), principal entidade mundial que establece normas e directrices para as operacións de mergullo en alta mar. Deste xeito, o Igafa sitúase como o primeiro centro público de toda España en alcanzar este recoñecemento que valora os recursos dispoñibles, as instalacións e a calidade docente, situando a Galicia como referente a nivel internacional.
Estes centros formativos autonómicos complementan a súa oferta con cursos de formación non regrada da que se beneficiaron máis de 1.200 persoas a través de 102 accións formativas ao longo de todo o 2024 entre as que destacan os cursos de mariñeiro pescador, de formación básica en protección marítima, de formación sanitaria específica inicial e avanzada ou de patrón costeiro polivalente nas súas seccións de ponte e de máquinas, entre outros. Unha actividade docente que tamén ten un papel crucial na promoción da igualdade no marco da actividade pesqueira, tradicionalmente masculinizada, beneficiando a máis de 220 mulleres.
Inserción laboral
Un dos centros que destaca na rede autonómica é o Igafa, o único que imparte formación profesional de acuicultura e mergullo en Galicia, que conta entre os seus fitos a participación da impartición por parte das universidades galegas do Master en Innovación, Tecnoloxía da Produción e Xestión Acuícola a partir do curso 2003/2004 ou a súa integración nas axudas Erasmus + no 2010 como nova vía de formación no estranxeiro. Conta nas súas instalacións con salas equipadas e os materiais e instrumentos máis modernos, ademais de piscina interior, foxo-piscina exterior, cámara hiperbárica, estación de carga de gases, campo de prácticas no mar que son cunha sala de acuarioloxía, un obradoiro de soldadura, un obradoiro de mecánica e varias embarcacións.
Recentemente, a homologación da súa formación de Técnico de Operacións Subacuáticas e Hiberbáricas (TOSH) pola International Marine Contractors Assosiation (IMCA), a principal entidade a nivel mundial que establece as normas e directrices para as operacións de mergullo en alta mar. Así, o centro autonómica sitúase na elite internacional sendo o primeiro centro público en alcanzar este recoñecemento en toda España o que abre as portas ao seu alumnado a optar a novas oportunidades laborais noutros países. No proceso de homologación o instituto recibiu a visita de representantes do IMCA na que puideron comprobar os procesos formativos, as instalacións e as dotacións de material que avaliaron moi positivamente. Na actualidade ofértanse 12 prazas para un ciclo que ten carácter bianual (un ano impártese o primeiro curso e ao seguinte o segundo) cunha gran demanda e unha inserción laboral do 100%.
Esta acción formativa é complementada con diversos cursos de menor duración como o de Iniciación ao mergullo profesional, o mergullador profesional de 2ª clase restrinxido, o mergullador profesional de 2ª clase, recolector de recursos específicos con técnicas de mergullo ou de primeiros auxilios e de reciclaxe para mergulladores profesionais nivel I e II. No Igafa tamén se imparten o ciclo superior de Acuicultura e o ciclo medio de Cultivos Acuícolas, formando no presente curso, e no ámbito da formación regrada, a un total de 97 persoas das cales o 37% son mulleres.
Centros de referencia
O IPMPA é un dos dous Centros de Referencia Nacional cos que conta Galicia, xunto co Igafa, sendo pioneiro na oferta de formación marítimo pesqueira a nivel español. Cada curso académico pasan polas súas aulas entre 350 e 400 persoas procurando unha mellor capacitación profesional e con ese fin conta nas súas instalacións con obradoiros de motores, mecanizado e soldadura así como cos simuladores máis avanzados de navegación, comunicación e máquinas. Sempre á vangarda, é o primeiro de España e o segundo de Europa en contar cun planetario cunha bóveda de 8 metros que permite ofrecer ao alumnado una experiencia formativa de calidade e excelencia. Uns servizos que son complementados cunha residencia anexa con capacidade para 70 persoas.
Deste instituto sairán este curso 70 estudantes para realizar a correspondente formación nos centros de traballo (FCT). Na súa maioría embarcados en buques pesqueiros en caladoiros como Terranova, Malvinas, África ou Gran Sol, optando o resto do alumnado por buques de pasaxe ou remolcadores. Tamén rematarán a preparación teórica o alumnado das escolas náuticas de Ribeira e Ferrol chegando a incorporar, superadas as prácticas, ao mercado laboral ata 220 novos profesionais -79 de Ponte e 104 de Máquinas- listos para enrolarse nalgúns dos buques pesqueiros que compoñen a frota galega.
Da man do sector
No ámbito da formación, a Consellería do Mar traballa da man das entidades do sector que tamén realizan cursos financiados con apoios autonómicos ao abeiro dunha orde de axudas bianual dotada con 1,5 millóns de euros. Así, ao longo do 2024 impartíronse 20 cursos organizados por 6 organizacións pesqueiras dos que se beneficiaron 273 persoas e que se verán reforzadas na presente anualidade con 97 novos cursos impartidos por 17 entidades entre as que destacan as confrarías de Ribeira, Noia, Burela, Porto do Son, Lira, Barallobre, O Grove ou a Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo. Un esforzo colectivo que fai posible ofrecer a mellor capacitación profesional ás persoas interesadas en desenvolver a súa vida laboral neste sector á vez que se afonda na súa competitividade e liderado a nivel europeo, garantindo o seu futuro como motor económico e de xeración de emprego na comunidade.