Festa Labrega e Olimpíadas Rurais na parroquia de Landrove

Festa Labrega e Olimpíadas Rurais en Landrove, Viveiro
A parroquia de Landrove será o escenario, os días 13 e 14 de outubro, da VII edición da súa Festa Labrega e das VI Olimpíadas Rurais. O Concello de Viveiro presentou a programación do evento xunto aos seus organizadores, a asociación cultural e deportiva Pequenos Pasos.

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, quixo «agradecer un ano máis o traballo da asociación Pequenos Pasos e da veciñanza de Landrove nesta xa tradicional festa». 


O venres 13 de outubro, ás 21 h, terá lugar o prendido da chama olímpica, e ás 22 h actuará o grupo Amigos do Folk. Os asistentes ao concerto poderán degustar boliños preñados de balde.


O sábado 14, ás 13 h, o trío Zafiro animará a sesión vermú, e ás 16 h comezarán as VI Olimpíadas Rurais. Esa noite haberá unha actuación do grupo Espera que Vou Mexar ás 20:30 h, cea labrega ás 21 h e, finalmente, ás 23 h; festa co trío Zafiro e con Santín & María Barral.


A programación terá lugar no campo da festa, contando con carpa. Para máis información pódese contactar co número de teléfono 636 01 41 53. Con estas celebracións, os veciños e veciñas de Landrove regresan á forma de vivir e gozar do ocio no rural hai varias décadas. O Concello de Viveiro
colabora coa asociación cultural na súa organización.

Comentarios