Estíbaliz Veiga: «Comecei a subirme a un escenario no pub Colón de Ribadeo»

ENTREVISTA ESTÍBALIZ VEIGA
photo_camera Fotografía: @pacrispa
Estíbaliz Veiga (Celeiro de Mariñaos, 1979) é actriz, presentadora, pedagoga teatral, guionista e directora. Todas esas cousas e algunha máis. Nestes momentos, está envolta na promoción da película O home e o can, filme que acadou 16 premios nos distintos festivais polos que pasou. Este domingo, ás 20:30 h, estréase no Cine Ribadeo onde haberá un coloquio posterior á súa proxección no que estará presente a propia actriz barreirense e director do filme, Ángel de la Cruz.

Comezaches a estudar Filoloxía, pero decantácheste pola interpretación. Como foron eses inicios? 

Comecei a estudar Filoloxía porque sempre me gustou moito escribir, de feito sigo escribindo algunha cousiña para algún medio. Pero cando estaba a estudar, apareceu unha nova carreira un tanto descoñecida —que só durou un par de promocións— que era Pedagoxía Teatral. E xusto nese mesmo momento fixeron un casting para unha serie da TVG que se chamaba Avenida de América. Eu tiña 18 ou 19 anos, presenteime e colléronme. Entón, ao mesmo tempo que facía a serie comecei a formarme como pedagoga na Universidade da Coruña. Despois diso, fun facer un mestrado de interpretación de televisión e cine cunha bolsa do Consorcio Audiovisual de Galicia a Madrid, na Central de Cine. Posteriormente, tiven a sorte de facer unha proba cunha compañía canadense e xa me fun traballar a Toronto como actriz. De alí marchei aos Estados Unidos onde fixen xa a miña primeira formación con Susan Batson e con John Strasberg, que son dous dos grandes mestres internacionais de interpretación. Eses foron un pouco os inicios, pero trato sempre de seguir formándome, de feito este luns marcho a Madrid para facer un taller intensivo.


Falas da túa formación, mais agora es ti a que formas, non? 

Si, os titulados en Pedagoxía Teatral somos dos poucos que podemos aplicar os coñecementos do teatro, aínda que hai moito intrusismo. Son coach en cine para actores e actrices mozas. Levo xa cinco proxectos e veño de rematar o meu traballo como pedagoga teatral na serie ficcionada sobre o caso Asunta, de Bambú Producciones, con Candela Peña como protagonista e no que eu tamén teño un papel como actriz. Finalizou a rodaxe hai unhas semanas e aínda non hai data prevista de estrea. Anteriormente, estiven como pedagoga en Fatum, de Vaca Films, protagonizada por Luis Tosar; na segunda temporada da serie Rapa —e como actriz tamén—; e nesta nova película O home e o can fixen unha pequena sesión de coaching á actriz Paula Chaves, que era o primeiro traballo que facía. Levo dando clase desde os 25 anos, incluso fixen as miñas prácticas da carreira no colexio Sagrado Corazón de Ribadeo. 

Poderíase dicir que estreas O home e o can na túa casa…

Si, teño casa en Ribadeo. Teño o corazón partido, unha parte en Celeiro de Mariñaos e outra en Ribadeo. A miña vida fágoa en Ribadeo que é onde teño a meu grupo de amigos. Sempre digo que comecei a subirme ao escenario no pub Colón, Justi e Antonio foron os meus pais artísticos. 

Con Manuel Manquiña na rodaxe de O home e o can. Fotografía: @pacrispa
Con Manuel Manquiña na rodaxe de O home e o can. Fotografía: @pacrispa


                                  

Non é a primeira vez que Ribadeo ten protagonismo nos filmes de Ángel de la Cruz, pois traballastes xa xuntos en Os mortos van á presa, rodada en Rinlo…

Aí foi onde Ángel me deu unha das miñas primeiras oportunidades no cine. Naquela altura, eu estaba tamén de meritoria de produción. Compaxinaba ese traballo cun pequeno papel no filme, aí aprendín a valorar moito o traballo físico e o esforzo do equipo técnico. Lembro especialmente un día de rodaxe na Illa Pancha cun grande temporal. Foi toda unha aprendizaxe. 

Como funcionou a película nos festivais? 

Pois funcionou moi ben, xa que acadou un total de 16 premios. Pero se me teño que quedar cun festival, ao que asistín, é o Festival de Cine y Discapacidad de Collado Villalba. Está adicado a potenciar, visibilizar e normalizar persoas que fan cine e que teñen capacidades distintas. Un festival pequeno, pero moi emotivo e fermoso. 

Presentación da película O home e o can, onte na Coruña.
Presentación da película O home e o can, onte na Coruña.

                 

                                                             

Ademais, acadou catro nominacións nos Mestre Mateo…

A verdade é que o cine galego está collendo velocidade de cruceiro. Fun xurado recentemente no OUFF (Festival de Cine de Ourense) e tocoume xustamente “Panorama Galicia”. Tiven a sorte de poder valorar filmes como O corno ou Honeymoon. Moitas veces son producións moi humildes e con escaso orzamento, pero verdadeiras marabillas. Son películas, ao igual que aconteceu con Matria, que están enchendo as salas de cine. E, ademais, na nosa lingua, que hai que amala e que nos dá a posibilidade traballar como se está a facer neste momento e poder levar o noso cine a outras xeografías. E non só neste ámbito, Sonsoles Ónega acaba de gañar o premio Planeta cunha novela baseada nunha historia galega. Ou na música, con proxectos como Fillas de Cassandra, ás que acabo de entrevistar recentemente para un novo programa da TVG que aínda non viu a luz e no que van aparecer grandes mulleres que romperon o teito de cristal e que defenden ideais femininos que ata o de agora estaban a ser silenciados. Todo isto posiciónanos nun moi bo lugar, somos o que somos porque temos unha historia detrás.                                                                                                                                   
                                  

Que proxectos tés por diante? 

Pois veño de rematar a serie sobre o caso Asunta. Tamén o programa da TVG que comentaba antes, pendente de data de estrea. A terceira temporada de Facendo as Américas. Empezo agora, coa Secretaría Xeral de Igualdade, unha nova xira do monólogo Golpes para os CIM. Este mesmo formato tamén se fará cos institutos. Comezo cunha xira de Mozas nas redes, un espectáculo novo que fala dos riscos das redes sociais para a rapazada e para os adultos. De feito, hai un espazo de autoficción dun acoso que sufrín a través das redes sociais e que me atrevín a contalo despois de darlle moitas voltas. Nisto ando.                        

Comentarios