Eloy Marcos, percebeiro e un dos organizadores da Festa do Percebe de Rinlo: «Levamos vinte edicións da festa e hoxe é unha das citas máis importantes de Ribadeo»
A parroquia de Rinlo celebra o sábado 2 de agosto a súa vixésima Festa do Percebe, organizada pola Asociación de Mariscadores a Pé O Cerredo, coa colaboración da hostalería local e da veciñanza. Mentres avanzan os preparativos desta edición tan especial, Eloy Marcos, percebeiro e membro da asociación, guíanos pola historia desta celebración e por como se está a desenvolver a súa organización hoxe en día
A que hora comezará a festa o sábado 2 de agosto?
Sobre as 11.30 horas da mañá comezaremos a prender os fogóns. Cada vez empezamos antes.
Como se leva a organización da festa deste ano? Vai todo segundo o previsto?
Son vinte anos de experiencia e a festa xa está practicamente guionizada na súa forma de organizala. Agardamos que o tempo nos respecte, tanto para poder extraer percebe como para poder celebrar a festa con normalidade.
Están previstas novidades polo vixésimo aniversario?
Si, temos previsto facer algo especial para conmemorar os vinte anos. Posiblemente haxa algunha visita guiada e tamén un obradoiro de bioloxía mariña para os nenos. Estamos vendo se é viable e como o podemos encaixar.
«É unha maneira de dar a coñecer un produto que, para moita xente de fóra, aínda é bastante descoñecido»
Canta xente se involucra na organización?
Somos unhas doce persoas na organización directa, e ademais colaboran os bares de Rinlo e os veciños. É un traballo conxunto no que participa boa parte do pobo.
Como nace esta festa?
Pois como moitas outras festas do percebe. Daquela había moito produto nas pedras e facíanse as chamadas desmestas. Con ese percebe organizábase a festa. Hoxe a situación é distinta e temos outros retos, pero a proposta mantense.
Cantos quilos de percebe estiman cocer este ano?
Sobre uns 600 quilos aproximadamente.
Rinlo énchese de vida arredor desta festa. Canto peso ten este día na vida da parroquia?
Dentro das festas que se celebran no concello, esta é das que reúne a máis xente, xunto co Ribadeo Indiano e as patronais. É unha festa moi grande para un pobo tan pequeno como Rinlo, e iso nótase.
De onde vén habitualmente a xente que asiste?
O ano pasado veu xente mesmo de Australia. Tamén de Francia ou de Portugal. Pero segue sendo maioritaria a xente que está a facer turismo nacional: moitos de Madrid, e por suposto, de Galicia. A festa está a chamar cada vez máis atención fóra.
Para vostedes, que saen todos os días ao mar, que significa esta festa?
É unha maneira de dar a coñecer un produto que, malia gañar popularidade nos últimos anos, aínda resulta pouco habitual ou pouco presente para moitas persoas que veñen de fóra. Hai quen che pregunta como se come o percebe. Para nós é unha forma de poñer en valor o noso traballo e o produto.
«Cada vez vén máis xente; hai quen xa pregunta con antelación para reservar hotel esa semana»
Que lle diría a quen nunca estivo na Festa do Percebe de Rinlo?
Que veña. É unha festa moi completa. Hai gastronomía, festa, música e produto típico galego. É unha festa onde se poden facer moitas cousas, e para todos os públicos.
Que oferta musical haberá este ano?
Como sempre, contaremos cunha discoteca móbil e tamén con música tradicional. Unha mestura que nos gusta manter edición tras edición.
A festa mantén o seu espírito orixinal ou evolucionou?
O espírito mantense, pero a evolución foi clara sobre todo no número de asistentes. Cada vez vén máis xente, e moita repite todos os anos. Hai quen xa pregunta con antelación cando é a festa para reservar hotel esa semana. A festa ten un impacto positivo na zona, sen dúbida.