«O Goberno municipal é incapaz de manter Ribadeo limpo», artigo de opinión do Grupo Municipal do BNG de Ribadeo

Foto de archivo. Mes de agosto.

Ribadeo está a dar unha mala imaxe no tema da limpeza. Paseando polas nosas rúas e polas nosas parroquias acabamos sufrindo os malos olores dos contedores e das beirarrúas contiguas. Hai moitos sen tapa e cheiran abondo por estaren sucios ou polo líquido que soltan tras meses sen baldealos. Ademais, moitos foron cambiados de sitio de xeito arbitrario e parte deles retirados. Tal é así que se ven menos contedores que antes. Todo isto causa malestar entre a veciñanza, tanto polo ulido desagradábel como polo seu cambio arbitrario de lugar, ou porque hai menos.

Esta redución de contedores está a dar lugar a situacións ben chocantes: no camiño de Santiago, na parroquia de Ove, pódese ver lixo amontoado no lugar onde deberían estar os contedores. E isto leva pasando así varias semanas. Tamén temos comprobado que na baixada cara a Mirasol, no lugar que antes ocupaban os contedores, agora hai abandonados restos de varias lápidas.

A ordenanza municipal de limpeza e xestión de residuos do Concello de Ribadeo, no seu capítulo II, referido á colocación de carteis de publicidade na vía pública, deixa ben claro como actuar. Pero, pola contra, a realidade é moi teimuda. Despois de ter pintado muros (por certo, a maioría privados) para evitar unha colocación masiva de carteis, agora úsanse os escaparates e fachadas de negocios pechados para facer publicidade. Os paneis deseñados por este goberno municipal do PP para tal función non son útiles: non hai maneira de pegar nada neles.

Ben notamos na Casa Maseda os efectos desta situación. Algunhas das súas cristaleiras son empregadas para pegar nelas carteis anunciando actos de todo tipo. A maiores, os paneis alí colocados levan meses moi deteriorados sen que o goberno municipal actuara sobre eles, dando unha imaxe deplorábel.

Estamos xa no mes de novembro e isto non mellora. No verán, o goberno municipal alegaba que a cantidade de xente que nos visitaba requiría da máxima atención e que estas cousas que xa demandabamos antes podían agardar. Non sabemos qué máxima atención puideron recibir, a non ser a dos máximos cheiros dos contedores nas principais rúas polas que a xente comezaba a visitar a nosa vila. Pero agora, xa en pleno inverno, non hai xustificación ningunha que valga. Para cando pensa acometer Daniel Vega e o seu equipo de goberno a solución a todos estes problemas?

GRUPO MUNICIPAL DO BNG DE RIBADEO