Este sábado terá lugar, nunha gran carpa montada na praza de Xove, unha nova edición —e xa van doce— da tradicional Festa do Percebe da localidade. Unha celebración dedicada a un dos moluscos máis representativos da gastronomía galega, e que, un ano máis, organizan o Concello de Xove e a Asociación de Festexos A Medorra. O presidente desta última, Jordi Meitín, falou con Aquí Diario para darnos a coñecer máis detalles sobre a xornada.
Cantos anos levades organizando a Festa? Levas dende o principio con ela?
Si, levo dende o principio e xa van doce anos da festa.
Como xurdiu a idea de facer unha Festa do Percebe en Xove?
Foi unha proposta dos percebeiros locais da zona. Eles ofrecéronnos o produto e dixeron que se podería facer unha festa con el, e todo comezou aí. O percebe é un produto que na nosa costa é abundante e de moi boa calidade.
Cantos quilos van estar dispoñibles na festa esta fin de semana?
Aproximadamente, entre 400 e 450 quilos.
Canto custa a ración?
Iso depende de cando nos dean os prezos da lonxa, porque xa se está mercando no día de hoxe e no de mañá. Entón, en función de como estea o prezo na lonxa, teremos que poñer nós o prezo por ración, que aínda non temos estipulado.
Entón, conseguides o percebe con pouca antelación, uns poucos días?
Si, dous ou tres días antes, para que o produto sexa o máis fresco posible.
E avisades que ides mercar tal cantidade de percebe con antelación?
Si, con uns días de antelación. Cando comezamos xa coa parte forte da festa, facemos as encargas e decidimos, cunha estimación baseada nos anos anteriores.
Canta xente credes que vai visitar a festa? De Xove, da Mariña, doutras zonas?
Un 90 % é turismo. Despois hai xente local, tanto de Xove como dos concellos da contorna, pero o 90 % é turismo, tanto de Galicia como de España e tamén do estranxeiro.
Tedes de pregoeiro a Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores. Como se chegou a contactar con el?
Xa hai dous anos contactaramos con el cando foi o décimo aniversario. É unha persoa referente no sector do mar, e ademais é veciño: foi residente en Xove e agora vive en Burela.
Tamén hai charanga e amenización?
Si, temos música durante toda a xornada. Haberá unha discoteca móbil instalada na carpa, e tamén unha charanga, a Charanga Os Charangos, de Neda, e un grupo folclórico que se chama 'Espera que vou mexar', que é de aquí, do concello veciño do Vicedo.