Dani Vega: «A Pancha é un compromiso cos negocios e a economía local de Ribadeo»

O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, amosa o cartel da sétima edición da Pancha, coa que se impulsa o comercio local.

O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, chama a participar na sétima edición da Pancha, en marcha ata o 31 de decembro, e lembra que «cando se compra coa Pancha, axúdase ao veciño». Analiza tamén a evolución económica e comercial do municipio e afirma que «Ribadeo avanza a un paso firme e decidido, cun comercio moderno, activo e cheo de futuro»

O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, anima a veciños e visitantes a participar na nova edición da Pancha, a campaña de bonos promovida polo Concello en colaboración coa Xunta de Galicia e coa asociación empresarial Acisa. O rexedor destaca que esta iniciativa permite «aforrar e apoiar aos negocios locais», ademais de reforzar o papel de Ribadeo como referente económico e comercial. Este ano, a Pancha está en vigor ata o 31 de decembro, con 84 establecementos adheridos —negocios de comercio, hostalaría, cine, tendas de produtos para animais e cinco postos de alimentación na Praza de Abastos— e un total de 260.000 panchas en circulación.

- Con que expectativas se desenvolve este ano a campaña das Panchas?
- Os obxectivos son seguir medrando e seguir atraendo persoas ao comercio, á hostalería e aos negocios de Ribadeo. Un comercio moderno, un comercio activo. O comercio é unha das nosas industrias, e debemos potencialo.

«A Pancha débese utilizar porque é unha maneira de aforrar, pero tamén un compromiso cos negocios locais e coa economía de Ribadeo.»

- En pasadas edicións falaba que a Pancha era líder en Galicia e un referente a nivel nacional. En que cifras se basea para dicir isto?
- A Pancha é un bono comercio no que o Concello fai un esforzo orzamentario conxuntamente coa Xunta de Galicia. É unha idea innovadora. A idea ten un liderado moi importante e iso identifica que hai un sector comercial vivo e innovador.

- Cantos establecementos se adheriron este ano á campaña?
- Son 84 establecementos os que están adheridos á Pancha: negocios de comercio, hostalaría, cine, tendas de animais e tamén os postos da Praza de Abastos. É un bono que o que quere é dicirlle ao usuario: veña a Ribadeo, compre 30 e teña 40 panchas. É unha activación da economía local. Ribadeo é unha superficie comercial en aberto, que conxuga a parte máis comercial co patrimonio e a cultura. Polo tanto, faina líder como idea innovadora, como proxección e como impulso económico.

«Ribadeo é unha superficie comercial en aberto, que conxuga negocios, hostalería, patrimonio e cultura».

- Este ano adheríronse máis establecementos que en edicións anteriores?
- Incrementamos respecto ao ano pasado.

- Que partida destinan á campaña?
- Temos un investimento de 85.000 euros, e aquí queremos dar as grazas á Xunta de Galicia. Hai unha parte de orzamento municipal, fondos propios, e tamén un impulso da Dirección Xeral de Comercio, nisto e noutras iniciativas que imos presentar durante estes meses.

- Un dos aspectos é o aforro directo que ten para o consumidor.
- Unha persoa que vén a Ribadeo compra 30 panchas —que son 30 euros— e recibe 40. Unha Pancha é un euro. É un impulso moi importante, un reforzo de que cando se invisten 30, recíbense 40.

- Cantas panchas hai en circulación?
- 260.000 panchas.

- Ribadeo está a consolidarse como un lugar de referencia para compras, recibindo xente doutros concellos e de Asturias.
- Somos a capital do encontro entre Asturias e Galicia. En todo o comercio dentro deste territorio, desde Avilés ata Ribadeo, e desde Ribadeo máis alá de Lugo, somos un referente comercial. Polo tanto, esta estratexia de seguir convidando e acollendo é a que ten que seguir Ribadeo: acoller a todo o mundo, sempre baixo unha planificación.

- Nese obxectivo de reforzar o consumo local, unha das columnas vertebrais é a colaboración coa asociación Acisa. Como valora esa cooperación?
- É unha colaboración que vai máis alá de facer eventos: é unha colaboración de impulso a Ribadeo. É unha simbiose perfecta. Comprobouse este ano con todas as actividades que fixemos e seguimos traballando baixo un criterio de unión e impulso, sabendo que Ribadeo ten que seguir crecendo. É enriquecedor que unha entidade que representa o empresariado e un concello traballen baixo a mesma estratexia. Non é habitual.

- En que outros proxectos están inmersos con Acisa?
- Agora comezamos unha campaña que é Ribadeo Emprende. Ribadeo non para de abrir negocios, de abrir empresas, de seguir crecendo. É moi bo que lancemos esta mensaxe clara: veña a Ribadeo a emprender. Non só na superficie comercial, senón tamén no polígono industrial. Cómpre lembrar que baixamos o prezo do solo de 75 a 35 euros o metro cadrado. Imos seguir traballando conxuntamente con Acisa e con todas as entidades nunha estratexia clara: Ribadeo segue avanzando e Ribadeo emprende.

- Que mensaxe lanzaría á xente que aínda non coñece a Pancha, para que participe na campaña?
- A Pancha débese utilizar porque é unha maneira de aforrar, pero tamén un compromiso co comercio e os negocios locais. Cando se ve unha rebaixa por internet, hai que pensar que aquí se ten unha rebaixa moito máis produtiva, porque beneficia directamente ao veciño, ao comercio da vila.

 «Somos a capital do encontro entre Asturias e Galicia, un referente económico, comercial e de acollida.»

- Moi importante para o comercio, os negocios e a hostalería local...
- Se falamos de crear máis postos de traballo, isto é un impulso. Se queremos que sigan abrindo negocios, compremos no comercio local. Se queremos que se modernicen, tamén. Todos podemos facer algo. As administracións teñen que facer moito, pero todos, a nivel individual, podemos axudar moito ao colectivo. Hai que ser conscientes de que cando se compra coa Pancha non é só por aforrar, senón tamén por axudar ao comercio, a hostalería e aos negocios locais e comprometerse con eles.