Lina Gómez Pardo, edil de Cultura de Burela: «Traballamos sempre en colaboración coas asociacións e agradecemos enormemente o seu labor»

Lina Gómez Pardo, concelleira de Cultura de Burela, diante do cartel do festival Osa do Mar.
A concelleira destaca o valor do Osa do Mar para situar Burela no mapa cultural galego e resalta o traballo das asociacións locais

Lina Gómez Pardo é concelleira de Cultura de Burela desde as eleccións municipais de 2023. Ademais da súa responsabilidade institucional, segue o Osa do Mar de preto como veciña e asistente habitual: non perdeu ningunha das edicións do festival e considérao unha das grandes oportunidades para a vila. Ao mesmo tempo destaca a programación cultural do concello e o papel imprescindible das asociacións.

Que supón o festival Osa do Mar para Burela?
O festival Osa do Mar é unha moi boa oportunidade para situar Burela no mapa cultural galego e estatal, para atraer visitantes, dinamizar a economía local e ofrecer un evento cultural de categoría. Hai un cartel moi bo para o pobo e para os veciños, pero tamén para xente de fóra.

Lina Gómez Pardo, concelleira de Cultura de Burela, durante unha das actividades do Osa do Mar.

Que destacaría do festival?
Destaco sobre todo a capacidade que ten a entidade organizadora, Fanto Fantini, de crear non só un festival de música, senón un evento que abrangue máis propostas. Engloba podcast, a mostra de cinema Ultramar, e está pensado para desfrutar en todo o pobo con diferentes escenarios: no porto, no Barco Museo Reina do Carmen e noutros espazos característicos de Burela. Tamén subliño o compromiso coa igualdade. A presenza da muller está moi coidada nos grupos convidados. Tamén hai un traballo importante coas asociacións locais e coa Fundación Eu Son, para dar máis visibilidade ás persoas con discapacidade e facilitarlles o acceso ao festival.

«Osa do Mar é unha oportunidade para situar Burela no mapa cultural galego»

Como responsable de Cultura, que balance fai da súa área?
A verdade é que temos eventos para todas as idades. A programación anual abrangue musicais, teatro de adultos, teatro infantil, monicreques, obradoiros… Seguiremos traballando pouco a pouco, retirando o que menos guste e intentando ofrecer máis alternativas á veciñanza.

Que actividades teñen máis éxito?
O teatro infantil, é o que adoita reunir máis público.

Hai actividades que organiza o Concello e outras as asociacións. Como se articula esa colaboración?
Traballamos sempre en colaboración coas asociacións e agradecemos enormemente o seu labor. Sen elas, a metade dos eventos que se fan no pobo non serían posibles. En Burela contamos cun número moi grande de asociacións culturais, que teñen un papel decisivo. Sempre tentamos colaborar dalgunha maneira: con apoio económico, con persoal e tamén nós, dende o Concello, tratamos de axudar humanamente.

«A programación cultural abrangue propostas para todas as idades ao longo do ano.»

É dicir, Burela conta con grandes citas como as patronais ou a Feira do Bonito, pero tamén con iniciativas que dinamizan o día a día. Que papel teñen?
Son fundamentais. Por exemplo, a Coral polifónica organizou este ano un «Churrascanta» con churrasco e sardiñas, que se completou con cantos e coa participación de Arume, o grupo de acordeonistas. E agora a Asociación cultural e musical Arume celebrará o Samaín. Son propostas que lle dan vida ao pobo e que fan que a xente saia da casa e participe.

Que obxectivos se marcan desde a área de Cultura a curto e medio prazo?
O noso obxectivo é cubrir todo o ano con actividades, como xa se está a facer no auditorio municipal, que é o máis grande da Mariña, con preto de 900 prazas. Queremos seguir traendo propostas de calidade.