Begoña Sanjurjo: «As festas patronais son un motor cultural e social para Ribadeo»
Begoña Sanjurjo, concelleira de Cultura, destaca a importancia destas festas como punto de encontro social e motor cultural para Ribadeo. Cun cartel que reúne grandes orquestras, propostas para todas as idades e momentos tan emblemáticos como a saída dos Cocos, os fogos artificiais ou a música da Coral e da Banda Municipal, Sanjurjo convida a veciños e visitantes a gozar dunha celebración que é, ao mesmo tempo, tradición e futuro.
-Que supón para Ribadeo a celebración das festas patronais deste ano? Contan cun cartel moi potente…
As festas patronais sempre son un momento importante para os habitantes dun pobo, son un momento para estreitar lazos sociais, para gozar da música e para manter as tradicións. A comisión de festas traballou para que o cartel non nos dera a opción de non desfrutar, traendo boas orquestras e respetando os momentos tradicionais: o día dos maios e o dos nenos, a saída dos Cocos cos gaiteiros, a misa coa Coral e o concerto da banda...e como non os Fogos do sete.
E non podemos esquecer aqueles momentos xa vividos desta edición como son o pregón, o Xara Fest e o Día da bici.
-Que importancia teñen estas festas como dinamizadoras da cultura local?
Desde o principio ata o final as Festas da Patrona son dinamizadoras da cultura. Comezaron co Pregón de Pepe Rodil (persoa moi implicada na vida ribadense) que nos animou a desfrutalas despois de volver a vista atrás e lembrar tempos pasados. Os seus amigos, os “Cantantes da Moncloa” puxeron unha emotiva nota musical
O Xara Fest, un festival pensado por mocidade para a mocidade é outro expoñente cultural, nun rexistro diferente pero con moita forza. Os Cocos e cabezudos farán as delicias de grandes e pequenos co acompañamento da música tradicional, das gaitas de Illa Pancha,. A Coral Polifónica e a Banda Municipal destacan nas entidades culturais locais e non podían faltar nas nosas festas.
Ribadeo ten moito que agradecer ás diferentes asociacións e grupos que traballan pola cultura ó longo de todo o ano e nas festas tamén. Gustaríame animar a todas e todos os ribadenses a participar das actividades culturais, desde o escenario ou como público entregado.
- Como vives persoalmente estas festas como concelleira de Cultura e como veciña de Ribadeo?
Intento desfrutar de todos os días, do especial e do común: dos Cocos, dos fogos, da música… e sobre todo da xente: dos amigos e da familia.
- Cal é o momento máis especial das festas para ti?
O meu día preferido é o do oito, aínda que comezando cos Fogos do sete, que normalmente vexo acompañada da familia, e que sempre nos sorprende.
No propio día oito, na misa da Patroa agradezo a intercesión da Virxe e pídolle a súa protección para os ribadenses. A música tanto da Coral como da Banda reforzan a solemnidade deste día.
E despois da sesión vermú toca comer en familia, unha desas comidas nas que se come moito e se fala máis. Despois dunha longa sobremesa...toca un paseo, visitar as barracas e desfrutar da festa. Nesta edición acabaremos con Grupo Ráfaga.
O día seguinte é día de garabullos, e este ano máis que toca volta ó cole para todo o alumnado.
- Que lle diría á xente que está pensando en achegarse a Ribadeo estes días para gozar das festas de Ribadeo?
Que non o dubide, que se veña a Ribadeo, aquí atopará unha vila sempre acolledora que nestes días se viste de gala para facer desfrutar a habitantes e visitantes.