Dani Vega: «As festas son un plus de dinamismo económico, que enriquece Ribadeo»
O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, fala das patronais deste ano cunha mensaxe clara: colaboración entre comisión e Concello, defensa do patrimonio e aposta polo dinamismo económico e cultural que vive a vila.
— Como ve as festas patronais deste ano?
Felicito á comisión polo traballo que está a facer. En primeiro lugar, quero dar as grazas polo esforzo; en segundo, destaco a responsabilidade coa que se están a organizar as festas, por exemplo coa decisión de cambiar a ubicación para protexer o patrimonio; e en terceiro, valoro o bo entendemento entre a comisión e o Concello, que é fundamental para que todo saia ben.
— En referencia á ubicación, que pode explicar?
A min tamén me gustaría que as festas seguisen no parque de San Francisco, pero hoxe as orquestras chegan con trailers e estruturas que fan imposible a súa instalación na Praza de España ou diante do Concello. Temos que ser coherentes co que defendemos: preservar o patrimonio e os espazos catalogados arquitectónicamente. En anteriores edicións mesmo se fixeron cortes en elementos de pedra para colocar plataformas, e iso non debe repetirse. Por iso optamos por lugares máis amplos, onde se poida celebrar sen risco para o patrimonio. Sei que sempre hai quen pensa no ruído ou nas molestias, pero estamos a falar duns días de festa. E insisto: o cambio de ubicación non responde a caprichos, senón á necesidade de facelo ben.
«A programación inclúe propostas para todas as idades»
— Que destacaría da programación?
É unha programación dinámica, que mestura as orquestras e a música con actividades de ocio pensadas para distintos públicos. No parque, por exemplo, non hai orquestras, pero si outras propostas dirixidas á infancia. O obxectivo é claro: que haxa actividades para todas as idades e gustos.
— Que significan para Ribadeo?
En Ribadeo levamos tempo apostando pola desestacionalización, non só dicíndoo, senón facéndoo. O dinamismo económico e social da vila non depende unicamente das festas, pero estas forman parte desa actividade. As patronais son un suma e segue, un plus de dinamismo económico que enriquece Ribadeo e que se engade a todo o traballo que se fai durante o ano.
«Ribadeo aposta pola desestacionalización con actividade durante todo o ano»
— Que balance fai deste verán?
Creo que foi moi positivo. Ribadeo é cada vez máis turístico e iso pon a proba os servizos: a recollida de lixo, a limpeza, a seguridade e, sobre todo, a auga. Tivemos que facer encaixe de bolillos, e quero agradecer aos traballadores de Viaqua o esforzo enorme que fixeron. O problema é dobre: por unha banda as tubaxes, que están rotas e reventan cando lles damos presión; e por outra, a falta de choiva. O resultado é que Ribadeo perde arredor dun 40 % da auga polas roturas. Iso require responsabilidades e tamén solucións inmediatas. Por iso en setembro vaise licitar a renovación da rede. En canto ao lixo e á limpeza, algunha dificultade houbo, pero penso que Ribadeo está máis limpo ca nunca. Pasamos de 10.000 a 30.000 persoas, e é lóxico que xurdan problemas, pero a resposta é boa.
— Houbo un incremento de visitantes?
Si, e moi significativo. O aumento de turistas estranxeiros foi enorme, sobre todo de alemáns, franceses e italianos. Funcionou moi ben o traballo feito en Fitur e a comunicación en prensa internacional. É un turismo de moita calidade, que queremos seguir potenciando. Por suposto, tamén recibimos visitantes nacionais: madrileños, navarros e, este ano, un gran incremento de andaluces. Andalucía escolle Ribadeo, e iso é unha gran noticia. Todo este movemento acredita que hai moito traballo detrás.
«Houbo un incremento moi significativo de visitantes estranxeiros e nacionais»
— Que mensaxe lle gustaría trasladar aos veciños?
Vivamos as festas en familia e con amigos, e pensemos sempre que este dinamismo é algo que nos identifica. Ribadeo avanza, e faino a moi bo ritmo.