José Rodil: «O pregón centrareino nas festas e no importante labor das comisións»
José Rodil (67 anos) entrou a traballar no Concello de Ribadeo en 1976, con apenas 19 anos, e alí desenvolveu toda a súa carreira ata xubilarse o pasado 1 de agosto como técnico da Administración Xeral. Licenciado en Dereito, está ligado á vida deportiva e cultural do municipio, con pasado en directivas de clubs como o Ribadeo F.C. e o fútbol sala, e cunha traxectoria de máis de tres décadas na charanga Aturuxo. Agora será o pregoeiro das Festas Patronais, un encargo que acepta con agrado e agradecemento.
– Como acolleu a petición de ser pregoeiro?
Díxenlles que había xente moito máis preparada ca min, con máis méritos, pero insistiron. Comentáronme que lles parecía o momento oportuno, como colofón a unha etapa de traballo. Xa dera o pregón dos carnavais hai quince anos con outro compañeiro.
«Comentáronme que lles parecía o momento oportuno porque me acabo de xubilar»
– Que lle supón ser o pregoeiro das patronais?
Unha vez que o aceptas e lle dás voltas, decátaste de que é un agrado moi grande. É o colofón a unha vida laboral intensa no teu pobo e agradezo que se acordaran de min. Estou moi contento.
– Como ve este ano as festas patronais?
O programa é moi amplo: orquestras, día dos nenos, dos maiores, visitas ao centro de día e á residencia… Son uns días moi intensos. O escenario non se monta este ano no parque, que é o lugar habitual e moi querido pola xente, senón no aparcadoiro municipal. As grandes orquestras precisan espazo para os palcos e plataformas, e no casco histórico é difícil. Ao final está preto e todo é cuestión de adaptarse. Xa se sabe, nunca chove a gusto de todos.
– Que recordos lle veñen das festas de verán en Ribadeo?
Un dos recordos que sempre me quedou gravado é o do Trofeo Emma Cuervo. A tenda de miña nai estaba por onde está o centro de saúde e lembro ver chegar moita xente, coches e autobuses para o partido. A min, que me gustaba o fútbol, impresionábame. Era como o punto de arranque das festas. Logo viña a Xira de Santa Cruz e, como peche do verán, as patronais, que sempre marcaban o final da tempada cando a xente marchaba.
«O Trofeo Emma Cuervo era para min o inicio das festas de verán»
– Que quere transmitir co pregón?
Quero que sexa unha intervención curta. Non se trata de falar do pregoeiro, senón das festas. Hoxe é difícil facer un pregón potente, porque hai tanta información e chega tan rápido que custa procesala. Por iso o importante é referirse ás comisións, que son fundamentais para que poida haber festas, e aos programas que preparan cada ano
– Que distingue as patronais de Ribadeo das da contorna?
Son das últimas do verán e coinciden con outras, como a romaría de Porcía ou a festas en Ferreira do Valadouro, ademais do Día de Asturias. Aínda así, polo peso de Ribadeo e polas boas comunicacións, seguen sendo das máis importantes da zona. Un sinal de identidade son os fogos do sete: en Ribadeo seguen a ter un atractivo especial e a innovar cada ano.
«Os fogos do sete seguen a ter un atractivo especial e cada ano innovan máis».
– E como ve hoxe Ribadeo?
Ten unha actividade cultural amplísima: teatro, deporte, música… A Festa Indiana é un bo exemplo, en xullo, cunha fin de semana longa que cada vez atrae máis xente.
– Que recordos garda do seu traballo no Concello?
Foron 48 anos e varias corporacións. Recordo con agarimo a todos os alcaldes. Houbo etapas moi importantes, como a de proxectos europeos na época de Balbino Pérez, que nos levaron a desenvolver iniciativas e a presentalas fóra. Foi unha vida laboral intensa, pero moi gratificante.
– Que mensaxe lle manda á veciñanza?
Que desfruten das festas como colofón do verán. O programa é intenso e merece a pena darse unha volta por Ribadeo.