Ribadeo Indiano, galardoado como Iniciativa Cultural do Ano: «Un recoñecemento á memoria e á participación»
O Ribadeo Indiano afianza ano tras ano o seu lugar como unha das citas culturais máis destacadas da Mariña e de Galicia. A combinación de memoria histórica, compromiso veciñal e un ambiente festivo que envolve toda a vila valeulle este ano o premio Iniciativa Cultural do Ano nos Premios Aquí Diario. Falamos con Begoña Sanjurjo, concelleira de Cultura no Concello de Ribadeo, para saber que significa este recoñecemento e cales son os desafíos dun evento que cada verán devolve a Ribadeo o espírito indiano.
Que supón para o Concello que o Ribadeo Indiano fora recoñecido como Iniciativa Cultural do Ano?
É unha honra para o Concello de Ribadeo e o recoñecemento a todas as persoas que nestes anos fixeron do Ribadeo Indiano un evento cultural de máximo nivel. Nós poñemos todo da nosa parte pero sen a participación da cidadanía de pouco nos serviría. Este é un premio para todas as corporacións e os técnicos que nos implicamos no desenvolvemento do Ribadeo Indiano pero sobre todo para todos os ribadenses e visitantes que ano tras ano melloran este evento cultural.
Cada edición do Ribadeo Indiano mobiliza a veciños, asociacións, negocios e artistas. Que cre que fai tan especial esta implicación colectiva?
Os ribadenses séntense parte do Ribadeo Indiano e dende o minuto un colaboran nas actividades, comezando por preparar as roupas deses días, dando ideas a desenvolver ou simplemente desfrutando das propostas. Toda a familia atopa diferentes cousas para facer por independente ou todos a unha. O mesmo pasa cos grupos de amigos
O Ribadeo Indiano destaca por combinar memoria histórica e ambiente festivo. Como se consegue manter ese equilibrio ano tras ano?
Coidando cada detalle de todo o evento, dende a decoración ás conferencias e ás actuación musicais, pasando polas publicacións e as exposicións. Animando a toda a cidadanía a participar na parte cultural e deixando que esta impregne tamén a actividades que poidan parecer non culturais como o mercado ou a gimkana.
Que retos culturais e organizativos afronta o evento para seguir medrando sen perder a súa esencia?
Temos que manter as propostas principais pero ó mesmo tempo buscar novas actividades para todas as idades. Nesta última edición tivemos maxia e tamén presentamos un libro para os pícaros e pícaras. E conseguimos ocultar feísmos con obras de arte, no ano 2026 ten que haber tamén novas actividades e sorpresas.
Pódese adiantar algunha novidade ou liña de traballo que lles gustaría incorporar nas próximas edicións?
A min persoalmente gustaríame darlle máis protagonismo ás filántropas, e seguir descubrindo novas facetas das nosas emigrantes. Estamos abertos recibir as suxestións que nos achegue a veciñanza para mellorar este evento de todos e todas. Teredes que esperar ó segundo fin de semana de xullo para ver o que preparamos.