Begoña Sanjurjo, concelleira de Cultura: «O Ribadeo Indiano é unha festa cultural para todas as xeracións, que medra sen perder a súa esencia»
Esta décima edición do Ribadeo Indiano chega cunha programación especialmente completa e coidada. Que supón para a área de Cultura acadar este fito?
O Ribadeo Indiano é un evento cultural con raíces históricas, e iso ten que manterse sempre. Hai que coidar todos os aspectos culturais: as conferencias, a música, as exposicións, o teatro... É unha festa cultural para gozar.
Un dos eixos centrais desta edición é a homenaxe a Ramón González Fernández. Que valores representa a súa figura e por que se decidiu poñela en valor nesta ocasión?
Os Indianos foron filántropos que axudaron á veciñanza en distintos aspectos, e o matrimonio González —Ramón e Corona— fixo moitas cousas polas vilas de Ribadeo e O Porriño. Este ano cúmprese o centenario do pasamento de Ramón González, por iso decidimos dedicarlle o Ribadeo Indiano. Achegarémonos á súa historia xa no pregón e na presentación do libro de Celia Castro, así como a través dun documental.
O pregón deste ano correrá a cargo do xornalista Martín Fernández Vizoso. Que significa contar cunha figura como el para abrir esta décima edición do Ribadeo Indiano? Que destacarías da súa relación co evento ou coa vila?
Martín é un gran coñecedor da historia da emigración, e concretamente da filantropía mariñá. É unha honra que pregoe esta décima edición, a primeira dedicada a unha persoa en concreto. No pregón transmitiranos un pouco do seu coñecemento sobre os diferentes filántropos ribadenses, e espero que ese pregón nos faga aos ribadenses admirar máis a solidariedade e o compromiso social dos indianos.
Que mensaxe che gustaría trasladar á veciñanza de Ribadeo de cara a esta décima edición tan simbólica?
Que a filantropía segue sendo o motor da vida e da boa veciñanza. Hai xente que doa cartos para axudar a outras persoas, xa sexa dos seus propios ou conseguíndoos dalgunha maneira (concerto solidario, partido benéfico...). E tamén é moi importante a doazón de tempo e coñecementos que moitas persoas achegan a outras. Todos podemos aportar algo para mellorar a sociedade na que vivimos.
E mirando cara ao futuro... Que retos ten a área de Cultura para seguir facendo medrar esta festa sen que perda a súa esencia?
Todas as edicións deben cumprir que as persoas gocen e, ao mesmo tempo, aprendan algo da nosa historia. Temos que coidar a dimensión histórico-cultural do evento, pero sempre haberá cousas que se poidan mellorar.
O Ribadeo Indiano é un evento para desfrutar por todas as xeracións. Nesta edición presentamos o libro dos Bolechas Ribadeo Indiano, atendendo á poboación infantil, e pode ser que para a próxima edición fagamos algo especial para outro tramo de idade. En canto remate esta décima edición, comezaremos a pensar na undécima.
Deixando o Ribadeo Indiano a un lado, a concellaría que dirixes coordina actividades moi diversas ao longo do ano: musicais, escénicas, expositivas, divulgativas... Como é o traballo interno para darlle coherencia e calidade ao conxunto da programación anual?
O primeiro é pensar en todas as idades e, na medida do posible, en todos os gustos. É verdade que Ribadeo ten moita cultura: na nosa vila hai escola de música e danza, banda municipal, coral polifónica, grupos de teatro afeccionado, grupos de música tradicional, grandes lectores... e moitas asociacións con moita actividade.
Parte do traballo da área de Cultura é dar forma e espazo ás diferentes iniciativas, e o resto do traballo consiste en completar e facer medrar esas inquietudes. Cando traemos unha boa compañía de teatro ou un concerto, ademais de querer que o público desfrute da actuación, tamén pensamos en que os actores e músicos ribadenses poidan mellorar.
E tamén hai que traer actividades innovadoras, e para iso buscamos axuda de distintas administracións ou filántropos para conseguir os fondos.
Para rematar, como veciña de Ribadeo, que che fai sentir o Ribadeo Indiano cando ves a vila transformada, chea de xente, música e vida? Tes algún momento que vivas con especial emoción ou que sexa o teu favorito?
A min gústame moito este evento e todos os que unen os ribadenses. Neste caso, os ribadenses e os que nos visitan, en familia ou en pandillas. Gústame preparar días antes a vestimenta e os complementos, ver persoas de todas as idades caracterizadas, con coidado, de indianas e non de ibicencas. Persoas dando un paseo, desfrutando dun concerto, escoitando unha conferencia ou fotografándose diante dun haiga... ou simplemente tomando algo.
Desfruto de todas as actividades, participando ou como espectadora. Chego ao domingo á noite pedindo un reposto de pés, pero contenta e pensando xa no seguinte Indiano. Se teño que escoller unha... igual o concerto de habaneiras, no que sempre acabo cantando desde o público Yo quiero ser marinero. Espero que todos e todas desfrutemos moito deste Ribadeo Indiano 2025.