Dani Vega, alcalde de Ribadeo: «O Ribadeo Indiano é unha das dúas referencias turísticas que máis resaltan na vila»
O alcalde Dani Vega recoñece o Ribadeo Indiano como un dos grandes emblemas turísticos da vila, xunto coa praia das Catedrais. Na súa décima edición, a cita medra en profesionalización, suma actividades infantís e mantén unha forte implicación veciñal que a converte nun reflexo da identidade local. Para Vega, este evento representa o legado dun pasado esplendoroso que Ribadeo soubo preservar e proxectar no presente, converténdose nun motor cultural e económico cun impacto superior aos tres millóns de euros
Chegar á décima edición do Ribadeo Indiano é un fito importante. Que significado ten para Ribadeo esta cifra redonda?
Dez anos de Ribadeo Indiano son dez anos de reivindicación dunha cultura e dun esplendor histórico, pero tamén do esplendor no presente. O legado indiano continúa. Ribadeo viviu unha época dourada nese tempo, pero hoxe segue a lucir con forza. A nosa arquitectura e a cultura profundamente indiana dánlle unha personalidade única á vila fronte ao seu contorno, e é algo que seguimos a coidar e a poñer en valor.
Para vostede será a terceira edición como alcalde. Como vive este evento desde dentro?
Nesta terceira edición, o Ribadeo Indiano está moi profesionalizado e cunha organización claramente estruturada. Hai persoas encargadas da música, da programación cultural, da produción… Cada área ten funcións ben definidas, e iso nótase no resultado.
Canta antelación require organizar un evento destas características?
Comezamos en xaneiro, pero xa en novembro de 2024 tiñamos confirmada, por exemplo, a actuación da orquestra Van Van. Hai que traballar con moito tempo para asegurar un cartel atractivo e unha organización solvente.
Que papel teñen os colectivos e a veciñanza na organización e no espírito do Ribadeo Indiano?
Ribadeo vive moito esta celebración, que é un tema de sociedade. Os colectivos culturais colaboran coa organización e a participación dos veciños é moi alta. Destacan tamén o comercio e a hostalería, que se involucran a fondo e engalanan os seus espazos para unirse ao espírito do evento.
Que novidades ou elementos destacaría nesta décima edición?
Este ano incorporamos, por primeira vez, unha programación específica para o público infantil. Un dos exemplos máis salientables é o libro dos Bolechas ambientado no Ribadeo Indiano. Ademais, hai xogos, ximcanas, conferencias, actividades culturais, propostas para a mocidade, concertos e festivais, todo deseñado cunha programación moi coidada.
Que repercusión ten o Ribadeo Indiano desde o punto de vista turístico e económico?
Desde o punto de vista económico, supera os tres millóns de euros de impacto. Estamos a falar dunha celebración que se converteu nunha fonte de ingresos moi importante para o tecido local. É un motor turístico e dinamizador da vila.
Que papel xoga este evento na proxección de Ribadeo como destino turístico, cultural e histórico?
Eu entendo que Ribadeo ten dous imáns turísticos. Un é a praia das Catedrais e outro o Ribadeo Indiano. Porque os dous son profundamente Ribadeo. As Catedrais xa son un monumento natural de Ribadeo, e o Ribadeo Indiano é unha forma de ser. É tamén toda unha exhibición arquitectónica de como é Ribadeo, e que segue coidando e velando por ese patrimonio. Cando nos expoñemos, evidentemente hai moitas referencias turísticas de Ribadeo, pero hai dúas que resaltan: unha pola propia arquitectura e pola cultura do que é Ribadeo, e outra por ser un monumento natural. Son dous emblemas locais.
E a nivel persoal, como vive Dani Vega esta edición? Hai algo que a faga especial para vostede?
É unha celebración que serve para unirse, para vir a Ribadeo e pasar a fin de semana na rúa. O Ribadeo Indiano é a reivindicación dunha forma de ser, dunha identidade arquitectónica e cultural, vivida entre amigos e nas rúas engalanadas. Iso é o que nos fai sentir orgullo da nosa vila e de coidala como se merece.