Marta Saiz, concelleira de Turismo e Comercio: «O Ribadeo Indiano é unha reivindicación histórico-cultural e un escaparate turístico clave para Ribadeo»
Como ribadense que leva toda a súa vida participando no Ribadeo Indiano, Marta Saiz destaca que esta cita ten unha dimensión mundial e que funciona como un auténtico escaparate turístico e cultural para a vila. Cun impacto económico que supera os 3 millóns de euros, o evento énche de música, teatro, literatura e actividades todo o municipio
Que repercusión ten o Ribadeo Indiano no sector turístico e comercial local?
Indubidablemente, a nivel turístico, o Ribadeo Indiano ten unha influencia que vai moito máis alá do territorio galego. Ten unha dimensión mundial. O Ribadeo Indiano é unha reivindicación histórico-cultural e, dende logo, un escaparate turístico clave para Ribadeo. Dende o punto de vista comercial, ten unha repercusión de máis de 3 millóns de euros, polo que supón un impulso e un reforzo á estratexia económica local.
Que actividades desta edición destacarías como máis relevantes para o impulso turístico e comercial?
O Ribadeo Indiano conta cun programa dinámico e pensado para todos os públicos. Falamos dunha fin de semana repleta de cultura: presentacións de libros, obras de teatro, conferencias..., e tamén de música polas rúas. Este ano, por primeira vez, pensamos tamén nos máis pequeniños, coa participación dos Bolechas.
Como reciben os comerciantes esta edición e cal é o seu papel?
Eu creo que o Ribadeo Indiano recíbese cos brazos abertos, non só polos comerciantes e o sector en xeral, que dende logo xogan un papel moi importante, senón tamén polos propios ribadenses e por todas as persoas que nos visitan esa fin de semana.
Como ribadense, con que momento quedarías do Ribadeo Indiano?
Como ribadense que leva vivido o Ribadeo Indiano dende a primeira edición, non sabería con que momento quedarme. A verdade é que o Ribadeo Indiano é un evento moi especial, no que cada persoa o vive de maneira diferente segundo as súas preferencias, porque hai programa para todos os gustos.