Ángeles Rodríguez : «Queremos recuperar o distintivo de Interese Turístico Nacional para as Feiras das San Lucas»

NOTICIAS AQUI DIARIO (1200 x 675 px) - 2025-10-11T182123.465
photo_camera Ángeles Rodríguez Rico, teniente de alcalde de Mondoñedo
A tenente de alcalde de Mondoñedo subliña a importancia de conservar a tradición, potenciar a seguridade e manter vivo o espírito das feiras máis antigas de Galicia

Natural da parroquia do Carme, Ángeles Rodríguez Rico, tenente de alcalde de Mondoñedo, leva toda a vida vencellada ás San Lucas. De nena seguía o paso dos cabalos dende a súa casa ou baixaba ao barrio dos Muíños para vivir a festa de preto. Hoxe, desde o goberno local, reivindica con orgullo o valor destas feiras históricas e o desafío de conservalas sen perder a súa esencia.

— Mondoñedo ten as feiras máis antigas de Galicia. Que supón isto para a cidade?
Ter as feiras máis antigas de Galicia, e probablemente tamén de España, e hai quen di que mesmo de Europa, é un orgullo para a nosa cidade. Iso implica unha gran responsabilidade, porque debemos ser capaces de manter esa tradición e conseguir que a xente que vén a Mondoñedo se sinta tan orgullosa como nós destas feiras e festas das San Lucas.

— Que impacto teñen estes días na localidade?
O impacto das San Lucas, ademais do económico —que tamén é moi importante—, é social e emocional. Temos varios eventos ao longo do ano que benefician a economía local, sobre todo na hostalaría, pero As San Lucas son unha cita familiar, un reencontro de moita xente que vén expresamente para a ocasión. A cidade énchese de visitantes, o que repercute favorablemente na economía e, ao tempo, serve para que moitos deles actúen como embaixadores de Mondoñedo polo mundo. Nos últimos anos chega moita xente de toda España e mesmo do norte de Portugal, o que supón un reto importante. Debemos ter todo preparado para que leven unha boa imaxe da cidade e que iso repercuta positivamente nos negocios locais. O obxectivo é que todos saiamos beneficiados destas grandes festas.

Con 869 anos de historia, as festas evolucionan sen perder a tradición. Que novidades ou retos de futuro se marcan arredor da feira?
O maior reto que temos é seguir medrando, pero mantendo a tradición. Iso é complicado. Nos últimos anos demos prioridade á seguridade, porque cada vez vén máis xente e é un aspecto fundamental. Medrar é algo que hai que pensar con moito coidado: os espazos son os que son e levan así moito tempo. Baralláronse distintas opcións, pero perder a identidade ou os lugares tradicionais das San Lucas sería un erro. Entendemos, dende o Concello e a organización, que cambiar de ubicación faría perder o seu encanto, esa proximidade coa xente e esa tradición vixente e latente en cada día das San Lucas.

— Están a traballar na declaración de Interese Turístico Nacional?
Si, levamos tempo traballando niso. Temos moita documentación recompilada e creo que estamos moi preto de conseguilo, aínda que estes procesos administrativos van amodo. Sería un distintivo importante para as nosas feiras, que nalgún momento xa o tiveron. Queremos recuperar ese recoñecemento para que As San Lucas volvan ser festas de Interese Turístico Nacional.

— Que fai falta para manter viva unha historia como a das San Lucas durante séculos?
É moi complicado manter viva unha tradición durante tantos anos, porque as sociedades cambian. Antigamente as feiras eran o momento de compra e venda, de abastecemento das familias. Hoxe iso mudou, pero é importante conservar o espírito. Quedan moi poucas feiras así, e debemos mimalas, igual que a quen as mantén vivas: os gandeiros, as asociacións e todas as persoas que colaboran para que sigan adiante. É difícil manter unha feira tal e como era hai décadas, pero o importante é que o seu latexo siga presente moitos anos máis. Non debemos esquecer de onde vimos nin cara a onde imos. Por iso cómpre preservar as feiras, que se están perdendo, e protexelas ao máximo.

— Como definiría o programa deste ano?
Mantén un formato bastante estable desde hai anos, no que se busca que todo o mundo teña cabida. Dáse prioridade ás propostas locais —artistas, orquestras, monicreques ou obradoiros para os máis pequenos ... —, buscando sempre unha programación diversa e pensada para todas as idades. A min os programas das festas sempre me parecen ben, porque detrás de cada un, mesmo da festa máis pequena dunha aldea, hai un grupo de xente que traballa desinteresadamente para que todo saia adiante e para o desfrute do resto. Poden gustar máis unhas cousas ou outras, pero hai que valorar ese esforzo colectivo. Sempre hai opcións para todos os gustos.

— Este ano haberá unha homenaxe a Xosé Vizoso.
Si, neste programa magnífico incluímos unha homenaxe a Xosé Vizoso, unha forma de devolverlle algo do moito que el deu ás San Lucas. A súa vinculación coa feira transcende á morte. É o primeiro de moitos recoñecementos que merece, e seguro que todos quedaremos curtos homenaxeando a unha figura como a súa: un mindoniense máis, como el sempre dicía, pero un artista que nos deixou un legado que debemos manter vivo, para que non caia nunca no esquecemento.

— Como vive vostede As San Lucas?
As San Lucas, para min, son un non parar. Deséxase que todo saia ben, e son días de moita tensión e traballo antes e durante, pero tamén hai momentos para o encontro, as risas e o desfrute.

— Hai algún acto especialmente emotivo para vostede?
Dende pequena lembro con moito cariño o paso dos cabalos cara á feira, daquela sen a repercusión mediática de hoxe. Vía baixar os cabalos dende a miña casa ou me achegaba ao barrio dos Muíños, e segue a ser o momento máis bonito, o que mellores recordos me trae. Hai outros, como o de subir ao campo da feira, pero ese instante segue a ser o máis emotivo. Aínda que os tempos cambian, os bos recordos mantéñense, e ese é un que quero conservar sempre.

— Cales son as prioridades máis inmediatas do equipo de goberno?
Unha das máis urxentes é o arranxo da Ponte do Arco. Levamos moito tempo con esa prioridade, pero faltábanos o financiamento e agora conseguímolo da Xunta de Galicia, polo que proximamente arranxaremos esa infraestrutura, que está bastante deteriorada. Ademais, executarase en breve a mellora da accesibilidade da rúa Rocha de Vélez, tamén co apoio da Xunta, dentro do Plan Hurbe. E seguimos traballando na renovación do firme das estradas municipais e na eliminación dalgúns puntos perigosos, para mellorar a seguridade viaria

— E que outros proxectos teñen previstos a medio prazo?
Estamos intentando que os nosos edificios municipais teñan a mellor cara posible, acolléndonos a distintas subvencións, case todas da Xunta de Galicia. Mondoñedo é unha cidade cun gran valor patrimonial e o Concello posúe moitos inmobles antigos que requiren mantemento constante. O orzamento é reducido: a maior parte vai a gasto corrente e persoal, polo que as grandes inversións dependen doutras administracións. Tamén temos unha prioridade clara: mellorar os espazos públicos. Comezamos o ano pasado coa reforma do parque de Pena Trapero e este ano seguimos con esa obra, xa que o anterior non se puido facer por cuestións meteorolóxicas. A idea é seguir mellorando recunchos e zonas visibles para que os mindonienses e visitantes poidan desfrutalos, acompañando todo cun plan de mantemento que garanta a súa conservación no tempo.

Más en ESPECIAL AS SAN LUCAS DE MONDOÑEDO 2025
Comentarios