Carlos Folgueira: «É un orgullo moi grande ser o pregoeiro das San Lucas; é tamén unha homenaxe a meus pais e ao seu traballo»
O mindoniense Carlos Folgueira é o encargado de abrir As San Lucas 2025, a feira máis antiga de Galicia. No seu pregón falará da historia da festa, da súa familia e da Tarta de Mondoñedo, un doce que contribuíu a facer da cidade un referente galego no eido reposteiro. Nesta entrevista, lembra a súa infancia nas festas e reflexiona sobre o legado dos seus pais, o traballo artesanal e a continuidade dunha tradición que segue viva.
—Que significa para vostede abrir esta edición das San Lucas?
É un orgullo moi grande. Foi unha sorpresa que me escolleran a min de pregoeiro. Tanto para min como para a miña familia é como unha homenaxe á historia de meu pai e de miña nai, a tantos anos de traballo e de esforzo por dar a coñecer tamén o que é o pobo e a comarca.
—Pódenos adiantar algún detalle do pregón?
Será un conxunto da propia historia das San Lucas, da historia da Tarta e tamén da nosa historia familiar. Falarei de todo iso, con algunha anécdota polo medio.
—Que recordos garda das San Lucas?
Os recordos que teño de pequeno nas San Lucas son inmensos. Para todos nós, os rapaces de Mondoñedo, era a festa máis esperada,. A partir dunha idade xa me tocaba botarlle unha man aos meus pais, así que tamén eran cinco ou seis días de moito traballo. Polas mañás había que levantarse cedo para elaborar as Tartas. Daquela estaban miña nai, miña avoa, meu pai e eu. Pola tarde tocaba estar na tenda, pero sempre había un ratiño para saír pola noite, ver os cabalos pola tarde ou ir aos cochiños eléctricos. Acórdome de ir tirar balíns con aquelas escopetas antigas, de lanzar pelotas aos bonecos e xuntarme cos amigos, que era o mellor. Mesmo nos animabamos con xogos populares, cousas que outros días nin faciamos.
—As San Lucas forman parte da identidade de Mondoñedo, igual que a Tarta. Que significa representar ese legado no pregón?
É unha responsabilidade. Penso moito en que meu pai estaría moi orgulloso de facelo el ou de que o faga eu. É unha responsabilidade fermosa, e tamén é satisfactorio que todas as asociacións e todos os partidos pensaran en min. Falar en público cústame un pouco máis. Meu pai era moi extrovertido, levábao moito mellor do que o podo levar eu. Ese carácter tan espontáneo e tan especial que tiña el, eu non o teño. Intentaremos facelo o mellor posible, con humildade. Para min é unha gran ilusión.
—Seu pai empezou nun pequeno obradoiro na rúa Casas Novas, verdade?
Si, no baixo dunha casiña de Casas Novas.
—E que lembra daquela época?
Lémbroa pouco. Acórdome de que empezamos a facer alí as tartas, nun pequeno baixo da casa. Non había nin despacho nas Casas Novas. Despois meu pai alugou unha pequena casa no centro do pobo para adicala a despacho, anterior á tenda que hai agora. Elaborábamos nas Casas Novas e, cunhas carretillas, subíanse as Tartas polas rúas ata o centro, onde estaba este pequeno despacho. Máis tarde trasladámonos a outro local, na rúa Guevara, que fora un antigo bar. Alí fixemos o despacho e o obradoiro. Agora o obradoiro xa non existe, porque pasou a Pedrido (na N-634). Continúa aberta a tenda.
—Co paso dos anos, a Tarta de Mondoñedo converteuse nun emblema dentro e fóra de Galicia. Cando leva ou manda Tartas a outras cidades, sente que tamén envía un anaco de Mondoñedo?
Si, a verdade é que cando nos piden algunha Tarta desde fóra, paréceme unha forma moi fermosa e doce de dar a coñecer a cidade. Refírome tanto ao traballo de meu pai como ao meu, e tamén ao de tantos outros comerciantes de Mondoñedo —que son moitos e moi bos—. Todo o que se faga polo pobo redunda no beneficio de todos: a xente vén, uns quedan a durmir, outros van cear ou comer a un restaurante, outros levan o produto. É unha maneira de manter vivo o nome de Mondoñedo.
—Que cre que fai diferente a Tarta de Mondoñedo respecto a outros doces tradicionais?
Eu penso que o que lle dá diferenza é que, por exemplo, a de Santiago leva só améndoa, e esta leva produtos distintos: améndoa, biscoito, cabelo de anxo e follado. É unha tarta que, ao que lle gusta, encántalle; e ao que non lle gusta moito, aínda así come un pouco, sobre todo polo cabelo de anxo. Unha das bases principais é que sigo tendo os mesmos provedores de meu pai: de cabelo de anxo, de améndoa, de biscoito… Iso é fundamental. Que a tarta manteña a mesma calidade que hai trinta anos é básico.
—A maneira de facer a Tarta cambiou algo dende os tempos de seu pai?
A Tarta típica nosa é imposible facela doutro xeito que non sexa artesanal. Faise a man, como unha empanada: a primeira capa é de biscoito, a segunda de cabelo de anxo, a terceira de améndoa e despois as seis tiras cruzadas que se colocan coa man. O esencial é que o biscoito sexa caseiro e que os produtos sexan de calidade. Temos outros produtos, como as mantecadas, que se venden moitísimo: podes ter fama uns anos, pero se o produto non sabe ben, deixas de vender.
—Ampliou o legado que deixou seu pai. Cantos establecementos e traballadores ten hoxe O Rei das Tartas?
Agora mesmo teño 22 traballadores e catro establecementos: o da tenda no centro de Mondoñedo (Rúa Guevara), a cafetería da Praza da Catedral, o obradoiro e cafetería de Pedrido (N-634) e a área de servizo na autovía, en Abadín. Meu pai xa tiña a intención de poñer algo na Nacional-634. Busquei un local e atopei o de Pedrido, onde fixen a cafetería e, máis tarde, a fábrica. Ten xa 27 anos de antigüidade. Despois veu a autovía, e como a xente busca comodidade, demos o paso cara a área de servizo. Foi un investimento moi importante, con moitos permisos e trámites. Custou, porque abrimos a finais de 2019 e, aos tres meses, chegou a pandemia. Para un negocio que acaba de empezar, con tanto investimento, foi moi duro.
—Ten algún proxecto novo en mente para O Rei das Tartas?
Por agora non. Teño algún proxecto pensado no centro de Mondoñedo, pero nada inminente. Na área de servizo aumentaremos os puntos de carga eléctricos: xa temos un cargador posto por Repsol, e imos colocar dous ou tres de carga ultrarrápida.
— Que é o que máis valora desta etapa como responsable de O Rei das Tartas?
Podo dicir que estou moi orgulloso de todos os negocios que temos e, sobre todo, de contar cunha axuda moi importante da miña familia. Tamén teño un equipo de xente traballadora en todos os locais, que contribúe a crear un bo ambiente e a que os negocios prosperen. Nestes pequenos negocios, se hai involucración de todo o mundo, todo tira para adiante.