Un ano máis, As San Lucas converterán Mondoñedo no gran corazón festivo da Mariña lucense. O alcalde Manuel Ángel Otero reivindica o valor simbólico e emocional dunhas festas que van moito máis alá da tradición gandeira. Son, di, «parte da nosa memoria e da nosa forma de ser». Con séculos de historia, a feira mindoniense mantén viva a súa alma popular ao tempo que se adapta aos novos tempos cunha combinación de cultura, música, economía e convivencia. Otero destaca o esforzo colectivo que fai posible o evento —desde o Concello ata os gandeiros, hostaleiros e veciños— e subliña que o segredo das San Lucas está na súa autenticidade, no feito de ser unha cita que segue a unir xeracións e a proxectar a identidade de Mondoñedo máis alá dos seus límites
-Cal é o valor simbólico das San Lucas para a identidade de Mondoñedo e da Mariña lucense?
-Son as feiras grandes, non só de Mondoñedo, senón de toda unha comarca que no seu día conformou a provincia do norte de Galicia. Son parte da nosa memoria e tamén da nosa forma de ser: xente aberta, acolledora e orgullosa do seu. Durante séculos, As San Lucas foron punto de encontro de xente de todo o noroeste peninsular, un espazo para o intercambio e tamén para a festa. Esa tradición mantense viva, e por iso seguimos a sentir que As San Lucas son máis ca unhas festas: son a esencia da identidade mindoniense e da Mariña interior.
-Como valora a evolución das San Lucas dende unha feira gandeira tradicional ata o evento cultural e festivo que é hoxe?
-Esa evolución é froito do traballo de moitas persoas que se implicaron ao longo do tempo na súa organización, empezando polos alcaldes e continuando por todas as comisións que foron sucedéndose. Nos anos oitenta destacaban polas grandes actuacións musicais, nos noventa e ata a actualidade viviron o boom das orquestras, e nos últimos tempos souberon combinar tradición, música, cultura e dinamismo económico. As San Lucas teñen algo único: souberon adaptarse ao seu tempo sen perder a súa alma tradicional.
-Que elementos da tradición considera imprescindibles conservar para manter viva a esencia das San Lucas?
-Hai cousas que non se poden tocar: a feira gandeira, a baixada dos cabalos, o ambiente da Alameda, o polbo, as atraccións e os centos de postos que enchen as rúas. Todo iso é parte da nosa memoria colectiva e tamén o é a convivencia interxeracional: avós, pais e netos compartindo as festas. E, por suposto, o carácter acolledor de Mondoñedo, que fai que quen vén unha vez, repita.
-Cal é o orzamento municipal destinado ás San Lucas?
-Xunto co Mercado Medieval, son os dous eventos que máis recursos mobilizan por parte do Concello. Pero tamén é certo que o facemos coa colaboración doutras administracións, ás que quero agradecer o seu apoio e compromiso cun evento que ten un valor cultural, turístico e económico incalculable. A suma de esforzos permite que cada ano manteñamos o nivel das festas sen perder a súa autenticidade.
-Como se articula a colaboración entre gandeiros, comisión de festas, comercio, turismo e servizos municipais?
-Esa é unha das claves do éxito. A colaboración é total e traballamos xuntos para que o esforzo repercuta en beneficio de todos os sectores. As San Lucas son unha oportunidade de reactivación económica e queremos que o seu impacto positivo se note na hostalaría, no comercio, na artesanía e tamén no sector gandeiro, que segue a ser o corazón da feira.
-Que retos principais afronta o concello en materia de infraestruturas, limpeza, transporte ou seguridade durante as festas?
-O primeiro é garantir a seguridade. Este ano contamos cun plan integral de auto protección no que participan a Garda Civil, Tráfico, Policía Autonómica, Policía Local e Protección Civil, coordinados para que todo transcorra con normalidade. Tamén quero agradecer ao persoal municipal a súa implicación: traballan arreo para que todo funcione. Desde a limpeza, montaxe, iluminación, recollida de lixo, accesos... E sen eles nada sería posible. Cabe destacar que, nos días grandes destas festas, recóllense máis de 12 toneladas de lixo.
-De que maneira se equilibra o carácter gandeiro e comercial das San Lucas co seu perfil festivo e cultural?
-Esa é precisamente a esencia das San Lucas: unha feira que é á vez tradición, economía e cultura popular. O sábado celébrase a feira gandeira, que conserva o espírito de séculos, e durante o resto dos días hai música, exposicións, actividades para nenos e espectáculos ecuestres. Non son mundos separados: o que fai grande a festa é a convivencia entre o antigo e o novo.
-Que impacto económico teñen as festas na hostalaría, o comercio e a artesanía local?
-O impacto é moi importante. As San Lucas atraen milleiros de visitantes e supoñen unha inxección directa para a economía local. A hostalaría e o comercio viven un dos mellores momentos do ano, e tamén hai moitos profesionais —desde artesáns ata provedores locais— que traballan con ilusión para estar presentes nestas datas. Son días de traballo, pero tamén de orgullo colectivo.
-Como se promocionan as San Lucas fóra de Mondoñedo?
-Traballamos todo o ano para reforzar a súa difusión a través das redes sociais, dos medios de comunicación e das colaboracións coas administracións autonómica e provincial. Ademais, o cartel deste ano, obra de Daniel Vizoso, tivo unha gran acollida tanto pola súa calidade artística como pola homenaxe que supón ao seu pai, o querido Xosé Vizoso, figura clave na historia das San Lucas. Ese tipo de xestos tamén axudan a proxectar a nosa imaxe cultural fóra de Galicia.
-Como imaxina vostede as San Lucas dentro de dez ou vinte anos?
-Imaxínoas igual de vivas, igual de nosas, pero máis fortes e mellor organizadas. Co paso do tempo, a feira irá incorporando novas tecnoloxías e formas de promoción, pero sempre mantendo a súa esencia. As San Lucas teñen futuro porque están enraizadas na xente e, mentres Mondoñedo siga tendo esa ilusión colectiva, seguirán sendo un símbolo de identidade.
-Existe algún proxecto de colaboración ou irmandamento con outras feiras tradicionais de Galicia ou de Europa?
-Xa demos pasos nese sentido co Mercado Medieval, que forma parte da rede de feiras de recreación histórica. E gustaríanos seguir avanzando tamén con As San Lucas, explorando vínculos con outras feiras gandeiras tradicionais, tanto de Galicia como doutros territorios do norte de España ou de Portugal. Compartimos retos comúns: conservar a tradición e, ao mesmo tempo, adaptarnos aos novos tempos.
-Que mensaxe lle enviaría aos veciños e visitantes para animalos a participar e desfrutar das San Lucas deste ano?
-Que veñan a Mondoñedo con ganas de vivir unha experiencia auténtica. As San Lucas son festa, cultura, tradición e orgullo local. Son un encontro de familias, de amigos e de xente que nos visita cada ano e que xa forma parte da nosa historia. Só lles pido que desfruten, que o fagan con respecto e con alegría, e que leven de volta a casa ese espírito mindoniense que fai das San Lucas algo único en Galicia.