Miguel Paz, presidente da Comisión Organizadora: «As San Lucas son unha tradición viva que une a todo un pobo»

As San Lucas é unha das citas máis emblemáticas de Mondoñedo. Para coñecer mellor como se organiza este evento e cal é a súa importancia para a cidade e a comarca, falamos con Miguel Paz, presidente da Comisión Organizadora de As San Lucas.

Miguel Paz, que lidera o equipo responsable da planificación e coordinación da feira, comparte con nós os retos de organizar unha celebración que une historia, gando e actividades culturais, así como as novidades e iniciativas que se incorporan cada ano para manter viva a tradición e facela accesible a todos os visitantes.

- Que cres que fai especial a As San Lucas?
As San Lucas son moito máis ca unha feira: son unha tradición viva que une todo un pobo arredor do gando, da música, da amizade e da historia. Ten esa maxia de conservar o espírito das feiras antigas, pero ao mesmo tempo adaptarse aos tempos actuais. Cada persoa que vén a Mondoñedo nestes días sente que forma parte de algo auténtico.

- Como é o reto de organizar unha festividade destas características?
É un reto enorme, porque estamos a falar dunha cita que move milleiros de persoas, con moitos postos de todo tipo (137 en total) e unha programación cultural e ecuestre moi ampla. Hai que coordinar moito traballo, pero tamén é un orgullo, porque detrás hai un equipo enorme (traballadores do Concello, tanto de oficina como de obras, asociacións, forzas de seguridade, tod@s os concelleir@s, amig@s, veciñ@s e outras asociacións que colaboran con nós, así como as administracións que nos apoian) e unha cidade enteira que o dá todo para manter viva esta tradición.

- As San Lucas son unha das festividades máis antigas de Galicia. Que factores cres que permiten que conserve a mesma forza co paso dos anos?
Creo que a clave está nas raíces. As San Lucas nunca perderon o seu sentido orixinal: o encontro entre o campo e a vila, entre a tradición e a festa. O feito de que cada xeración se implique, que os gandeiros sigan vendo aquí unha cita importante, e que a xente de Mondoñedo sinta a feira como algo propio, é o que lle dá forza ano tras ano.

- Como reciben os gandeiros esta cita tan sinalada?
@s gandeir@s reciben As San Lucas con moita ilusión, claro. É o seu día, e nótase o orgullo con que veñen, coidan o gando, participan… Pero tamén dicimos que máis orgullo sentimos nós por poder celebralo con eles. Porque son un sector que pasa por moitas dificultades, e aínda así seguen tirando adiante. A súa labor é fundamental: para o rural, para o coidado do monte, para que os pobos sigan vivos. Para moitos, é o momento de reencontrarse, de amosar o seu traballo e de compartir co público o orgullo polo gando galego. É tamén un punto de referencia no calendario, porque aquí combínanse concursos, exhibicións e o ambiente que só As San Lucas pode ofrecer.

- Haberá algunha novidade destacada este ano ou, ao tratarse dunha festa tan tradicional, apóstase por manter intacta a súa esencia?
Sempre procuramos introducir algún detalle novo, xa sexa na programación musical, nos espectáculos de doma ou nas actividades para o público, pero sen perder a esencia das San Lucas. As San Lucas teñen que seguir sendo o que sempre foron: unha festa con alma, coa súa tradición e coa xente como protagonista.
Este ano, por exemplo, seguimos traballando en iniciativas como o Tren Sanluqueiro, que busca facilitar o acceso á feira, sobre todo ás persoas que teñen máis dificultades para achegarse ata o campo da festa. Sabemos que os aparcadoiros e as rúas do centro poden quedar lonxe, así que tratamos de achegar a feira á xente e facer que todos poidan desfrutala con comodidade. É unha maneira máis de manter viva a tradición, pero tamén de facela accesible.

-Que importancia teñen As San Lucas para Mondoñedo e para a comarca?
As San Lucas son un símbolo da identidade mindoniense e un motor económico e social para toda a comarca. Durante eses días, Mondoñedo énchese de vida, de visitantes, de actividade comercial e cultural. É a mellor carta de presentación da nosa cidade.