O cabalo é o corazón das Feiras e Festas das San Lucas. Desde hai 38 anos, a Asociación Pura Raza Cabalo Galego participa activamente nesta festa mindoniense. O seu presidente, Xacobo Pérez Paz, explica con detalle a importancia da cita, o labor da entidade e o valor da raza galega, protagonista cada ano nesta feira cabalar de referencia.
— Que papel ten a Asociación Pura Raza Cabalo Galego en As San Lucas de Mondoñedo?
— Levamos 38 anos colaborando en As San Lucas. É unha tradición, porque esta é a feira máis importante do cabalo en Europa. Dase unha singularidade, que é un territorio con moitísimos cabalos que aínda se crían en extensivo. Son cabalos montaraces. Non salvaxes, porque o cabalo salvaxe é todo aquel que non ten propietario, e aquí todos teñen propietarios.
— De novo Mondoñedo acollerá o Concurso Morfolóxico de Cabalos e Eguas de Pura Raza Galega —Gran Final da Copa Galicia P.R.G.—. En que consiste exactamente esta competición?
Hai 24 anos que celebramos de forma ininterrompida a Gran Final da Copa Galicia de Pura Raza Galega coincidindo coas San Lucas. É a única competición de ámbito autonómico na que se desenvolven probas morfolóxicas ao longo do ano nas feiras máis importantes de Galicia. Falamos, por exemplo, da Feira do Cabalo da Ascensión —o Mercado Nacional de Cabalos de Santiago—, da Feira da Pascua de Padrón, de San Marcos en Noia, da Feira Tradicional de Mesón do Vento, da Feira da Fonsagrada, da de Sarria ou de Equigal —o Salón do Cabalo de Galicia—. Todas esas probas son puntuables para a Copa Galicia, e a final celébrase en Mondoñedo porque é o lugar máis idóneo: é a última feira do calendario e unha referencia nacional e internacional.
— Que se avalía nestas probas morfolóxicas?
Nesas probas participan cabalos e eguas maiores de tres anos que cumpren coa normativa e están rexistrados no libro de raza. Valórase a morfoloxía externa —o que se ve por fóra—, non as cualidades de cada animal para desenvolver unha actividade, xa que iso correspondería á morfofuncionalidade. Nesta proba valóranse os diferentes caracteres externos que, dentro do patrón racial, se aproximan máis á puntuación máxima. Hai un xuíz que valora e que outorga unha puntuación por rexións: cabeza, pescozo, cruz e costas, paleta e peito, extremidades e aplomos, movemento e fidelidade racial. Cada rexión puntúase do 1 ao 10, e a suma final determina o resultado. A egua ou o cabalo con máis puntos proclámase campioa ou campión absoluto de Galicia e campión de raza en España.
— Cales son as características que definen o cabalo de Pura Raza Galega?
É un cabalo elipométrico, é dicir, baixiño e longo. Está catalogado como poni pola Federación Ecuestre Internacional, xa que mide entre 1,20 e 1,40 metros de altura á cruz. A capa debe ser castaña ou negra, con orellas pequenas, fronte ancha e plana. As extremidades son finas, curtas e de cor negra. Ten ollos vivaces e cascos escuros, moi resistentes ao terreo granítico galego. Son características adaptadas ao noso medio.
— Está a raza en perigo de extinción?
Si. Todas as razas con menos de 5.000 efectivos rexistrados están en perigo. É unha raza en declive porque os nosos maiores abandonan a cría, principalmente pola burocracia e tamén pola falta de relevo xeracional. O rural está cada vez máis despoboado: as aldeas déixanse, e os cabalos que antes se mantiñan na casa ou no monte van desaparecendo. Defender o cabalo galego é a nosa obriga moral: é un patrimonio que pertence a todos os galegos.
— Que funcións teno cabalo galego na sociedade e no territorio?
A primeira e máis importante é a conservación da biodiversidade no monte. Cumpre unha función ecolóxica e paisaxística fundamental, axudando á prevención de incendios e á fixación da poboación no medio rural. Segundo un estudo do profesor Antonio Regueiro —unha eminencia no ámbito do silvopastoreo— da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago, cada cabalo come uns 21 quilos de masa arbustiva ao día. Se o multiplicamos polos exemplares que viven en liberdade e por 365 días ao ano, o impacto é enorme: contribúen a limpar o monte e a manter o equilibrio natural. Ademais, o cabalo galego ten outras funcións: a práctica deportiva —como o salto de obstáculos ou o enganche de carruaxes—, o uso terapéutico en programas de equinoterapia e tamén o uso formativo. No Centro do Cabalo Galego, dependente da Consellería do Medio Rural, impártense cursos de formación para alumnado de ciclos de grao superior en gandería e sanidade animal, así como para escolas hípicas, tanto de lecer como profesionais.
—Tamén organizan unha exhibición de doma durante As San Lucas. En que consistirá?
— Está patrocinada polo programa europeo Feader Europa Investe no Rural, pola Consellería do Medio Rural, o Ministerio de Agricultura e a Asociación Pura Raza Cabalo Galego. É unha exhibición a custo cero que facemos grazas ás accións conveniadas dentro dese programa europeo. Brindamos aos comités organizadores a posibilidade de observar exercicios de doma antiga, montada á amazona —como montaban as mulleres polo 1800—, doma en rendas longas a pé e tamén doma de alta escola, con paso español, piruetas, corvetas e outras cabriolas que tanto lle gustan ao público. Celebrarase o domingo 19 de outubro, ás 13.00 horas, no recinto da Granxa de Mondoñedo, e levamos 38 anos ofrecéndoa dentro da festa.