Carlos García: «Din que a memoria desplaza os momentos amargos e prioriza os bos; sen dúbida, o verán en Foz é un deles»

Carlos García, concelleiro de Relacións Institucionais, Comunicación e Coordinación da Axenda 2030, dedícase a crear vínculos sólidos entre o Concello de Foz e diversas entidades, promovendo así un sentimento de fraternidade entre os veciños e visitantes da vila

Para Carlos, as festas tradicionais como o San Lourenzo son moito máis que celebracións; son ocasións especiais que xuntan á xente da vila e manteñen viva a identidade local. Estas celebracións crean recordos que, como el di, nunca se borran da memoria, e con cada ano que pasa sempre é importante volver a recordar e valorar eses momentos.

- Como son os veráns en Foz?
Os veráns de Foz, para os que os vivimos desde nenos, son inesquecibles. Din que a memoria tende a borrar os momentos máis amargos e gardar sobre todo os bos… e un deses momentos bos, sen dúbida, é o verán en Foz.

Cando chega o bo tempo, polo mes de maio, e vai avanzando cara ao mes de xullo —despois de San Xoán, que é unha data ineludible para os focegos, coas súas fogueiras—, empezan os días longos. Xa se saca o pantalón curto, as bambas de verán, a manga curta… volven as bicicletas e o cheiro a salitre de todas as praias que temos en Foz, moitas delas con bandeiras azuis.

Todo isto fai de Foz un pobo máxico, cheo de xente, tanto da que é do pobo como da que nos visita ano tras ano, nun encontro e nun clima de amizade.

Non quero olvidarme de todas as celebracións vividas nas parroquias que foron moitas e con recordos preciosos.

- Que significan as festas do Carme e o San Lourenzo para Foz?
As festas do Carme teñen un cariz de protección. A Virxe é unha imaxe de referencia tanto para a xente relixiosa como para a que non o é. É unha figura á que se encomendan moitas familias cando pasan por momentos complicados nas súas loitas diarias.

O noso pobo leva tatuado na memoria o naufraxio do Jesús Nazareno, unha traxedia que deixou marca emocional e que erixiu ao longo dos anos á nosa Virxe como refuxio e manto protector e de reconforto.

E logo está San Lourenzo, que tamén é unha festa moi familiar e que coincide coa primeira quincena de agosto, a máis forte do verán en Foz. Aí concéntrase moita xente, turistas que veñen da meseta, da capital e de diferentes partes do país. É unha festa moi plural, tradicional, e con moita verbena, que atrae tamén xente de toda a Mariña que vén gozar do ambiente.

- Desde a túa área, como se traballa para levar a cabo estas festas?
Na miña área, que está moi relacionada coas relacións institucionais, coa imaxe de marca de Foz e coa comunicación, traballamos man a man co Concello e outras institucións.

Por outra banda, son o encargado de xestionar dende o goberno a marca de Foz, de como queremos que se mostre e transmita o noso pobo, e ese é un dos aspectos que máis impacto ten nas festas.

Gústanos coidar a imaxe do noso pobo, sentimos que é un lugar acolledor, que pon ao dispor todos os seus recursos tanto para quen nos visita como para a veciñanza que está aquí todo o ano. Traballamos para iso. Como Concello, gustaríanos seguir patrocinando ese equilibrio en fraternidade entre a xente que nos vén descubrir e a que aquí vive todo o ano.

- Tes algunha lembranza anecdótica das festas do verán en Foz?
Moitas! Temos unha tradición compartida por varias persoas, tanto do barrio mariñeiro coma da Illa Nova. O día 10 de agosto, ás 9 da mañá, imos bañarnos á praia da Rapadoira. É un xeito simbólico de celebrar o día: damos un bo chapuzón cedo e despois lembramos momentos doutras xeracións.

É unha forma de manter viva esa nostalxia mariñeira, de falar da historia do mar e tamén das historias dos nosos pais, de como viviamos a movida e as verbenas. Sempre saen contos do ben que o pasabamos.

E tamén os nosos maiores contan anécdotas… incluso historias de noivos! Pero diso xa non hai versión clara…