Inés López Couto: «Queres que todo o mundo quede contento coas festas»
Inés López Couto, concelleira de Cultura e primeira tenente de alcalde de Foz, leva uns cinco anos na organización das Festas Patronais de San Lourenzo, declaradas de Interese Turístico Galego. Asegura que a experiencia axuda a afrontar con máis calma unhas xornadas sempre intensas, e destaca a implicación dos colectivos locais, a coordinación entre áreas do Concello e o impacto que ten esta celebración na vila
— Como foron os días previos ás festas?
Foron días de moita actividade. Procuramos que todo estivese perfectamente organizado e que nada quedase atrás. Son xornadas de moito traballo e moi intensas, pero cada ano imos levándoo mellor, con máis bagaxe, intentando sacar todo adiante coa maior calma posible.
— Cantas edicións leva na organización?
Desde que entrei na área de Cultura. Nalgúns anos levei as festas e noutros organicei os actos arredor delas, especialmente os culturais. Levo implicada uns cinco anos dunha maneira ou doutra.
— Que representa para vostede, como concelleira de Cultura, formar parte activa desta celebración?
É un orgullo e tamén unha responsabilidade. Queres que todo saia ben, que a xente quede contenta, que lle guste o que se organiza e que non haxa ningún problema. Non o fas para ti, senón para moita xente. Posiblemente, o maior sentimento na vila está unido ás festas do Carme, que son máis familiares e emotivas, mentres que as de San Lourenzo son máis de estar entre amigos. Pero as dúas celebracións levan o selo do verán de Foz, con moitos anos de historia. Houbo moitos concelleiros e comisións de festas que traballaron antes ca nós. O que queres é que todo o mundo quede contento.
— Canto tempo leva organizar unhas festas desta envergadura?
Comezamos tan pronto remata a festa do Berberecho, que é a última despois do Entroido. A partir de aí xa se preparan as memorias para solicitar os permisos. Algúns aspectos, como a contratación dalgunha orquestra, mesmo se empezan a mirar ao finalizar as festas do ano anterior. No caso de Foz, fan falta moitos permisos: o de Portos pola ocupación portuaria, o da Subdelegación do Goberno para a tirada dos fogos artificiais… Son moitos detalles que hai que ter en conta para que todo saia correctamente.
—Moita xente implicada na organización...
Si, hai moita xente implicada. Desde asociacións locais, como A Subela, que participará na procesión de San Lourenzo, ata agrupacións como Mar Aberto ou a Rondalla Latexos, que actúan nos días previos. No propio Concello traballamos de maneira coordinada: non só Cultura. Tamén Xuventude, co edil Ángel Fernández; e o alcalde, Fran Cajoto. Cada área ten o seu papel. Cultura leva o peso organizativo, pero as demais colaboran, por exemplo, tramitando taxas ou xestionando necesidades puntuais.
A maiores, temos colaboradores externos que non forman parte directa da organización, pero que están sempre aí, botando unha man, algo que agradecemos moito.
—As festas están recoñecidas como Festa de Interese Turístico Galego. Que repercusión teñen para Foz?
É unha data con moito impacto. Aínda que xa é tempada alta, o día de San Lourenzo é moi potente: a tirada de fogos artificiais é moi seguida, e moitos anos resulta complicado aparcar. Por iso sempre pedimos que a xente veña con tempo.
Non só participan as familias de Foz. Tamén chega moito visitante para pasar o día ou a fin de semana. Ao cadrar preto da ponte do 15 de agosto, a afluencia é aínda maior. Os negocios de hostalaría, os aloxamentos... todos se ven beneficiados. O pobo está, como se adoita dicir, de bote en bote.
«É un orgullo e tamén unha responsabilidade formar parte activa da organización das Festas de San Lourenzo»
—Desde Cultura, como se intenta que a programación do verán sexa variada e pensada para todos os públicos?
Intentamos ofrecer un pouco de todo. Para os nenos, ademais das actividades habituais como inchables ou xogos, tamén incluímos propostas culturais como teatro e música. Procuramos poñelas nun horario axeitado, para que non interrompan a tarde de praia e para que as familias poidan vir con comodidade.
Antes faciamos as representacións no Colexio Nº 1, pero decidimos levalas ao parque Rosalía de Castro, onde temos un palco municipal durante todo o verán. É un espazo bonito e, mentres o tempo acompañe, a acollida está sendo moi boa.
—Tamén se aposta por propostas culturais menos habituais, como a danza…
Si, para o público adulto tamén hai programación específica. Os concertos dos venres, co ciclo Sons na Rúa, dan espazo ás agrupacións locais, que para nós é moi importante, pero tamén traemos grupos de fóra. Este ano, por exemplo, vén un grupo de danza africana cun proxecto benéfico para apoiar a infancia en Uganda.
Gústanos incluír propostas diferentes, como a danza, que é unha arte escénica moitas veces esquecida, pero cunha pegada moi bonita. Tamén seguimos apostando polo festival Abanea, que xa levamos tres anos traendo. Ese é o camiño: unha programación variada, con contido para todos os públicos e co foco tanto na veciñanza coma nos visitantes.