Xoán R. Fernández: «O San Lourenzo medrou co turismo e converteuse nunha gran festa do verán en Foz»

Xoán R. Fernández Pacios é o cronista oficial de Foz e un apaixonado da súa historia. A través dos seus coñecementos, leva anos construíndo pontes entre o pasado e o presente, recuperando a memoria dun Foz que muda

Como coñecedor da historia entende o valor das festas populares como o San Lourenzo, que foron medrando co paso dos anos ata converterse nun dos sinais de identidade da vila. Para el, cada celebración é unha oportunidade de reforzar a memoria colectiva e celebrar o que une a xente de Foz.

- Foz é un municipio con moita historia e personalidade propia. Como a definiría vostede en poucas palabras para quen a coñeza só de pasada?
A parte de que ten moita historia, que está documentada desde o século VI coa presenza do mosteiro máximo de San Martiño de Mondoñedo, Foz é un pobo cambiante. Os que temos unha idade coma a miña coñecemos un Foz mariñeiro, labrego, e que vivía do turismo nos meses de xullo e agosto. Eu son un dos bodegueiros que iamos para alí neses meses, e vin como se transformou Foz coa chegada da iluminación eléctrica, e como deixou de ser un pobo mariñeiro. Antes coñeciámonos todos, e non por sermos primos, senón porque era unha comunidade pequena. E, ben, Foz está cambiando e vai cara a un futuro que descoñezo, pero que espero que sexa moito mellor.

- Vostede, que traballa coa memoria colectiva. Que papel xogan as festividades populares nesa memoria?
Eran momentos de esplendor e de soltarse a melena. Imaxina que a túa vida é traballar, traballar e traballar... e chegan estas datas e saes. A festa do Carme é unha festa moi íntima e moi nosa, onde te lembras, sobre todo, dos que xa non están. E despois chega o San Lourenzo. O San Lourenzo é a última festa do verán, pois disfrutas desa última celebración. Era ese momento de liberdade, aínda que despois haxa festiñas máis pequenas.

- Cal cre que é o sinal de identidade máis forte de Foz?
Eu, cando penso en Foz, penso no Carme, penso no entroido particular... O resto das festas son un pouco todas parecidas entre sí, pero o Carme é máis íntimo. O que caracterizaba Foz era ese feito de que nos coñeciamos todos. E, bueno, nunca o souben, pero tiñamos unha forma de falar propia os focegos. Eu quedeime con esa fala, e cando marchei para o concello de Baleira, ao volver a Foz, dicíanme que cambiaba a forma de falar. Temos unha fala particular en Foz, e iso tamén é identidade.

- Que importancia ten a festa de San Lourenzo no calendario do verán de Foz?
O San Lourenzo, se me preguntas, podo dicirche que xa se celebraba no século XVIII. O patrón da parroquia é Santiago. Foz celebraba o San Pedro, patrón dos mariñeiros, o 29 de xuño, e tamén o Santiago, o 25 de xullo. E, despois, tiñamos o San Lourenzo como unha festa menor. ¿Que pasou? Pois que coa chegada da festividade da Virxe do Carme deixamos de celebrar o San Pedro. A Virxe do Carme celébrase o 16 de xullo, e a festa propia nosa é Santiago. Eran moitas festas nun espazo de tempo moi curto.

E como tiñamos esa festa menor, o San Lourenzo, e Foz comezaba a recibir xente durante os meses de verán —xa en 1954 se alugaban casas a turistas—, comezamos a darlle máis importancia, con máis énfase e cun maior orzamento ao San Lourenzo.

- Recorda algunha anécdota vencellada a esta celebración?
Recordo a felicidade coa que a celebrabamos na miña familia, que supoño que era a mesma coa que se celebraba en todas as familias.