Opinión

«Consideramos imprescindible a cobertura inmediata das ausencias no Centro de Saúde de Barreiros»

ana ermida alcaldesa de Barreiros
photo_camera Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros
Carta da alcaldesa Ana Ermida ao conselleiro de Sanidade e ao xerente da área sanitaria denunciando a situación asistencial no municipio

Estimado conselleiro;


Estimado xerente da área sanitaria Lugo-A Mariña-Monforte de Lemos;


Lamento ter que dirixirme a vostede novamente, mais a situación que se está a vivir novamente no centro de saúde de Barreiros ten a importancia suficiente para poñelo no seu coñecemento e pedirlle encarecidamente a adopción de medidas que a solucionen.


Despois dun verán coa sanidade vivindo nunha tensión permanente e cunha calidade deficiente debido á falta de recursos para atender á poboación e ás persoas desprazadas; chegamos ao mes de outubro, no que o total do cadro de persoal facultativo asignado a este Centro de Saúde non está dispoñible e non está sendo substituído, xerando unha lista de agarda para consultas ordinarias ou mesmo emisión de receitas de tres semanas.


O funcionamento anormal deste servizo vén repetíndose mes tras mes, xerando un estrés e unha carga laboral nas persoas que sustentan o servizo que, é de imaxinar, pasa factura no seu traballo. O escaso funcionamento que hai é grazas á implicación e á responsabilidade do persoal que se mantén nos seus postos, pero non é sostible a nivel laboral nin persoal.


Por todo isto é polo que quero trasladarlle a nosa preocupación e o malestar existente coa xestión que se está a realizar dos centros de saúde -reducindo a atención e degradando a existente- que desembocará, de non solucionalo, en graves problemas sociais.


É por esta razón pola que consideramos imprescindible que se proceda a realizar a cobertura das ausencias no Centro de Saúde de Barreiros de xeito inmediato, garantindo así a asistencia sanitaria dunha poboación maioritariamente envellecida e moi dependente dos servizos do Centro de Saúde.


Agardando que a información facilitada sexa de utilidade e sexan atendidas as demandas de veciñanza e persoal sanitario para a consecución dunha atención primaria de calidade no centro de saúde Barreiros, quedo á súa disposición para canto estea nas nosas mans.


Ana Ermida
Alcaldesa de Barreiros

Comentarios