«Envellecer é verbo irregular: eu envellezo, ti posas, el administra»
— Concepción Arenal
Xa está aquí outro Día Internacional das Persoas Maiores. E xa está aquí a campaña institucional, a mesa redonda, a declaración de principios, o “non esquecemos aos nosos maiores”, discursos, o político ou política de quenda dicindo que “os maiores son un piar fundamental da sociedade”, o cartel con mans entrelazadas e o minuto de vídeo con música de piano e olladas ao horizonte. Nada que non se poida ignorar de novo mañá.
Pero non me malinterpretedes. Non estou en contra das homenaxes. Nin das comidas, que sempre veñen ben. O que non trago é que nos vendan como política o que é só paripé. Porque os que saen na foto non son os mesmos que quedan na casa coidando.
Mentres se celebran as comidas, hai mulleres de 60, 70 e 80 anos que non poden asistir porque están ao carón dunha persoa maior dependente. Son elas quen a lavan, quen a visten, quen lle dan a medicación, quen lle contan o tempo. Son elas quen coidan mentres outros posan para as redes sociais.
Si, algúns concellos organizan actividades. Hai obradoiros, ximnasia, memoria, excursións... para quen pode asistir. Pero onde están as actividades para as persoas dependentes que non saen do fogar? Onde está a estimulación cognitiva, a rehabilitación, a compañía, para quen non pode saír da cama ou da cadeira? Para eses non hai programa. Non hai cartel. Non hai folletos. Non hai nada.
E se preguntas polas coidadoras maiores —triplemente vulneradas por ser mulleres, por ser maiores e por vivir en situación de pobreza— diranche que hai recursos. Pero non chegan. Ou chegan mal. Ou chegan tarde.
E mentres tanto, elas seguen. Coidan sen formación, sen apoio, sen descanso. Fan todo sen que ninguén lles pregunte se poden, se queren ou se teñen forzas. Non teñen axuda. Non teñen respiro. Non teñen plan.
O único que teñen é fatiga crónica, responsabilidade forzada e un medo silencioso a enfermar, porque saben que se elas caen, non hai quen coide.
E ti preguntas: Onde está a formación? O apoio? Os servizos? A verdade?
Pois non están. Non hai. Polo menos aquí na Mariña, nin se lle ve nin se lle espera.
Porque as persoas maiores non precisan flores. Precisan o cumprimento dos seus dereitos. E non falamos de grandes discursos nin de promesas para o futuro. Falamos de cuestións básicas, reais, urxentes.
A inmensa maioría das persoas maiores non quere marchar a unha residencia. Queren seguir vivindo na súa casa, na súa contorna, coas súas cousas, no seu ritmo. Para iso precisan vivendas adaptadas, accesibles, sen barreiras, e con axudas públicas que non deixen á familia endebedada por instalar unha ducha sen bordes ou un ascensor no portal.
Vivir na casa, si, pero con apoio. Porque sen axuda, o fogar convértese nunha prisión. Non abonda cun botón vermello ao pescozo. A teleasistencia preséntase como solución máxica, pero cando chamas, non sempre responden. O Servizo de Axuda no Fogar chega, cando chega, con dúas horas á semana para facer todo. Iso non é coidar. Iso é tapar buracos mentres se nega a realidade.
A atención sanitaria é outro punto negro. Hai lugares onde o médico pasa unha vez á semana —e grazas—. Se hai unha urxencia, prepárate para agardar pola ambulancia como quen agarda pola choiva en agosto. As persoas maiores precisan seguimento real: tensión, diabetes, medicacións complexas, demencias. E sobre todo, necesitan tempo. Tempo nas consultas, non tres minutos cronometrados.
A soidade non desexada segue a ser unha epidemia silenciosa. Non é unha elección. É un fracaso colectivo. Come a memoria, a cabeza, o ánimo. E non se combate con wifi nin con folletos, senón con presenza, con compañía, con persoas reais que falen, acompañen e escoiten.
Todo isto pasa mentres seguimos tratando as persoas maiores como figuras decorativas. Como “os nosos maiores” dito con ton de piedade. Non como cidadáns con dereitos. Non como xente que opina, decide, participa e constrúe. Moitas veces son tratados como crianzas ás que hai que falarlles alto e despacio. E non se dan conta de que esa forma de falar é tamén unha forma de borrar.
E que dicir da economía? Hai persoas maiores que teñen que elixir entre comida e farmacia. Mulleres que traballaron toda a vida sen contrato, sen cotización, cobrando en negro, e hoxe sobreviven con pensións de 400 euros. Porque a pobreza non remata aos
65. Ás veces comeza aí. A vellez non debería ser sinónimo de escaseza, pero no noso país, en moitos casos, é.
Cando falamos de dependencia, seguimos cargando todo sobre as familias. E cando dicimos “familias”, queremos dicir mulleres. E cando dicimos “mulleres”, falamos tamén de mulleres maiores que coidan doutros maiores. O Servizo de Axuda no Fogar non pode ser anecdótico. Os centros de día deben ser públicos, próximos e accesibles. E o respiro familiar debe estar garantido, non depender de se sobra praza ese mes.
E se hai un silencio que doe, é o que rodea ao idadismo. Esa forma de discriminación por idade que está tan naturalizada que xa ninguén a ve. Negar un tratamento médico porque “xa ten moitos anos”, falarlles como se fosen nenos, apartalos das decisións, esquecer as súas opinións. O idadismo é unha forma de violencia. É estrutural, sistémico e invisíbel. E mentres se gasta máis en publicidade institucional que en reforzar servizos públicos, todo segue igual. Porque é máis rendíbel vender coidados que exercelos.
O que sementamos hoxe nos nosos maiores é o que recolleremos mañá.
E pode que hoxe che dea igual... pero mañá tamén serás maior. (Se tes sorte.)
E mentres tanto… o sistema cala. E cobra.
Porque cando a persoa maior xa non pode estar na casa, e a coidadora xa non pode máis, entón chega a “solución”: a residencia.
E aí temos dúas opcións:
-
Ou pagas o que vale un hotel de catro estrelas.
-
Ou vas á pública con xestión privada, que vén sendo o mesmo, pero con lista de espera e escudo institucional.
Isto chámase política de coidados. Pero non é política, é negocio.
E por iso seguimos así: porque envellecer custa, pero non dá votos.
Xa chega
De callos con discurso e flores con pancarta.
De actos que duran un día e soidades que duran 364.
De falar das persoas maiores como se fosen pasado, cando son presente e exemplo. De coidadoras maiores esquecidas por ser mulleres, por ser vellas, por ser pobres.
De disfrazar abandono con oratoria institucional.
Envellecer é verbo irregular:
eu envellezo, ti posas, el administra;
nós resistimos, vós esquecedes, eles seguen cobrando.
Un día de festa non arranxa unha vida de abandono.
E iso que, nalgún concello, saben máis de festas que de apoiar ás coidadoras que coidan dos seus maiores durante todo o ano.