Opinión

«Oxalá este novo ano traia máis traballo feito e menos escusas»

Querido Papá Noel:

Desde o Partido Popular de Lourenzá queremos aproveitar estas datas tan sinaladas para escribirlle cunha mensaxe chea de espírito de Nadal… e tamén de esperanza para o noso concello.

Este ano pedímoslle, por favor, que lle traia aos gobernantes socialistas do Concello de Lourenzá algo tan necesario como ganas de traballar, de escoitar aos veciños e de atender as necesidades reais do noso pobo e das nosas parroquias.

Pedímoslle que no saco veñan, entre outras cousas:

  • A reposición das farolas e das luces que faltan tanto no casco urbano como nas parroquias, porque a seguridade e a dignidade das nosas rúas non poden quedar a escuras.

  • Unha limpeza adecuada das rúas e dos contedores de lixo, que levan tempo pedindo atención.

  • O arranxo da estrada municipal que vai de Lourenzá a San Xusto, fundamental para que os veciños poidan desprazarse con seguridade e para que a xente siga vindo facer as súas compras a Lourenzá, mantendo vivo o noso comercio local.

  • A tan merecida comida para os nosos maiores, que o ano pasado xa foron castigados quedando sen ela, algo que non debería volver repetirse nunca máis.

  • Actividades no pobo e nas parroquias, tanto de exercicio físico como de memoria, para mellorar a calidade de vida dos veciños e combater o illamento.

  • E, por suposto, que non se esquezan dos pagos pendentes a algúns traballadores do Concello e algún provedor, que cremos están no seu lexítimo dereito a cobrar polo traballo realizado e polos servizos prestados.

  • Tamén lles agradeceríamos que revisen o asunto das multas que recibe o Concello, porque convén lembrar que quen as acaba pagando somos todos os veciños, uns cartos que estarían moito mellor investidos en cubrir as necesidades reais de Lourenzá.

  • Que impulsen medidas destinadas a apoiar o noso ámbito industrial e mercantil, dado que, como é evidente, a actividade empresarial e comercial vén diminuíndo progresivamente.

  • Fomentar tamén o asentamento de poboación, aspecto fundamental para garantir o crecemento e o desenvolvemento do concello.

Non pedimos luxos nin promesas baleiras, só xestión, responsabilidade e respecto polos veciños de Lourenzá.

Oxalá este novo ano traia máis traballo feito e menos escusas. Máis atención ao rural e menos abandono. Máis feitos e menos palabras. Porque a paciencia dos veciños non é infinita nin renovable cada Nadal.

Desde o Partido Popular de Lourenzá, desexámosvos un Bo Nadal e un Feliz Ano Novo. Oxalá que veña con cambios reais.


 

Concelleiros do Grupo Municipal do PP de Lourenzá

Roberto Díaz

Sandra G. Maradona

Reme Gallo

Comentarios