«Hospital Asilo: Crónica dun atraso anunciado», artigo de opinión do BNG de Ribadeo

O atraso nas obras do Hospital Asilo é como o relato dunha crónica anunciada. Se botamos a vista atrás, poderemos comprobalo. Así, inicialmente estaba previsto que o 25 de abril de 2025 fose a data prevista para o remate das obras. Pero houbo que aprobar unha primeira prórroga até o 25 de setembro do mesmo ano. Non sendo capaz o goberno municipal de dar remate a esas obras en dita data, volveu considerar unha segunda prórroga até o 25 de novembro deste ano 2025. Pero esta prórroga non se chegou a aplicar polo concurso de acredores da empresa construtora.

Nos primeiros catro meses de obras só se executou o 1,2% da mesma. En data 27 de setembro de 2024 o goberno municipal, aproveitando a visita da Conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, lanzouse a presumir de que as obras ían a bo ritmo. Pero en realidade só ía executado o 26,42%. A principios do mes de novembro, a porcentaxe de execución era tan só de 32,74%, segundo a certificación emitida polo director de obra.

Posteriormente, a 26 de febreiro de 2025, o alcalde insiste en que “as obras da residencia do Hospital Asilo avanzan a bo ritmo”, e reitera que “non houbo ningún modificado do proxecto”. En certificación de obra de 11 de marzo de 2025, tan só constaba como executado o 67,41% da mesma. En abril, practicamente ao remate do prazo de execución de obra, tan só estaba executado o 71%, quedando por executar 473.000€.

Ante o retraso manifesto que se estaba a producir, e como resposta ás nosas demandas, o alcalde de Ribadeo sacou da manga o argumento de modificación de obra que, segundo el, debería ter feito o anterior goberno. Por que motivo decide a esta altura ese modificado e non o fixo nun principio? Soa a escusa. Así, cando solicitamos copia do proxecto de modificado, o goberno municipal responde que “non é posíbel facilitar acceso e copia do proxecto [do modificado] xa que aínda se está preparando”. Ante a nosa insistencia, volve responder que “non é posíbel facilitar dita documentación de prórroga xa que non foi obxecto de prórroga, senón de ampliación de prazo por un total de cinco meses”. Cando aínda faltaba por executar preto do 30% das obras, o alcalde de Ribadeo négase a informar do estado das obras xogando coas palabras: substitúe “prórroga” por “ampliación de prazo” e queda tan ancho.

En reunión de Xunta de Portavoces mantida o martes 21 de outubro de 2025, o alcalde ribadense afirmou que non notara nada raro no funcionamento da empresa, pero que si notaba “que traballaba con moito retraso”. En que quedamos? Ían a bo ritmo as obras, ou a empresa traballaba con retraso? Se se fixeran as cousas ben desde un principio, hoxe poderiamos ter rematada a obra con independencia dos vaivéns da empresa e os usuarios e usuarias, e as súas familias, verían máis cerca a data de regreso a Ribadeo, á súa residencia. Unha vez máis queda patente que este alcalde é un fraude, por moito que xogue coas palabras.