«A "variante" cunha velocidade media de 59, 81 KM/H», artigo de opinión de Fernando Branco

Como unha das xustificacións que alegaron os grupos políticos defensores da moción de censura no Concello de Viveiro, estaba o impulso da variante.
 

Para a memoria quedan as promesas do PP na Xunta, no ano 2000, hai 26 anos, dixeron que ían facer unha vía rápida, pois segundo eles unha autovía “non cubriría as necesidades da Mariña”; posteriormente, no 2003, Feixóo como Conselleiro de Política Territorial dicía que a variante de Viveiro sería o primeiro tramo da vía rápida Ferrol-Barreiros; logo, xa no 2009, co PP de novo na Xunta, o conselleiro Agustín Hernández comprometíase a finalizar todo o corredor antes do 2017. Anuncios feitos, obras ningunha.

A realidade é que os dous únicos treitos dese corredor actualmente en funcionamento, a circunvalación de Ortigueira e o de Area a Xove, foron licitados polo Goberno Bipartito. Agora, moción de censura por medio, o Consello da Xunta vén de anunciar que vai iniciar o proceso de información pública dunha parte da “variante” entre Area e Fontecova.

Mais sorpresa non está na falta dunha circunvalación completa de Viveiro, pois a pesares desta obra o tráfico do Ortegal seguirá pasando por diante da Porta de Carlos V, o máis significativo é que anuncian un treito de só 6,2 km cun tempo estimado de percorrido de 6,22 minutos. É dicir, a velocidade media nesa “variante” será de 59,81 km/h.

Namentres Viveiro ten este tratamento pola Xunta do PP vemos como se anunciaron recentemente actuacións en autovías en Sarria, de Santiago a Brión ou na Costa da Morte. E neste tempo que vai dende o primeiro anuncio do PP sobre o corredor na Mariña, no ano 2000, a mesma Xunta fixo a autovía do Morrazo, de Ferrol-As Pontes- Vilalba, a de Ourense a Celanova, do Salnés,
do Barbanza e a do Baixo Miño.

Pola contra, na Mariña, en Viveiro, van pasando os anos vivindo de promesas e tócanos dicir que “chove, dámoslle a alcaldía ao PP, cando en realidade mexan por nós”. Fica claro que só unha resposta democrática, cando toque votar, mais tamén un amplo e permanente proceso mobilizador pode sacar á Mariña e a Viveiro deste “día da marmota” no que os anos van pasando e os avances non existen, nin en infraestruturas pero tampouco na sanidade pública.