A Mariña lucense na nova batalla industrial europea

Mentres en Bruxelas fálase de autonomía estratéxica, materias primas críticas e soberanía industrial, a nós na Mariña Lucense tócanos preguntarnos qué papel queremos xogar en Europa.

Vivimos nun mundo globalizado no que as decisións que se toman nun país teñen repercusións noutro que está a miles de quilómetros. A política industrial europea durante moito tempo non foi tema de debate. Europa gozaba a súa posición privilexiada, e a pesar de que a nosa industria perdese peso non parecía importar moito. Con todo, a pandemia, a guerra de Ucraína, a crise enerxética e a vitoria de Trump sacudiron o taboleiro de xogo, e as relacións de poder que rexían o mundo cambiaron, e non sabemos durante cantas décadas.

Estes acontecementos confirmáronnos aos europeos algo que xa sospeitabamos: Sen empresas europeas fortes non hai soberanía, e sen soberanía somos máis vulnerables.

E aí é onde entra A Mariña.

Os sectores económicos da nosa comarca non só contribúen ao PIB dos nosos municipios. Tamén ao de Galicia, España, e polo tanto ao de Europa. A produción forestal da Mariña en particular, e da provincia de Lugo en xeral son unha gran achega ao total de Galicia. Contamos con Burela, que alberga un dos portos líderes por volume de capturas na nosa comunidade. Ademais, o turismo, aínda que é unha actividade de servizos, constitúe un sector máis, e xa é un piar forte da nosa economía comarcal. E así poderiamos continuar, por exemplo, falando dos estaleiros que empregan a tantas persoas. Somos líderes, aínda que nos custe recoñecelo.

Agora, a pregunta que conecta a nosa comarca con Bruxelas é: Está Europa disposta a perder a industria da Mariña? En pleno debate sobre a competitividade europea, non debemos esquecer que Europa non é só Francia e Alemaña. É tamén todos e cada un dos territorios que a compoñen. Se a UE vai fortalecer as súas empresas e favorecer a aparición doutras novas, a nosa comarca debe esforzarse en conseguir que esas empresas crezan ou se asenten aquí.

Esa tantas veces mencionada “competitividade europea” non é outra cousa que conseguir que os produtos das nosas empresas se vendan mellor no mercado. A Mariña debe centrarse en atraer novas empresas e investimentos aos nosos territorios: gana Bruxelas e gañamos nós, con novas empresas que paguen soldos, que traian innovación e convertan á Mariña nun territorio influente, e que nos permitan aos mozos quedarnos onde crecemos e desenvolver a nosa vida onde os nosos pais o fixeron.

Se falamos de sustentabilidade, creo que deberiamos facelo desde unha perspectiva de 360 graos. As nosas políticas medio ambientais deben ser realistas. Queremos unha Europa limpa, donde o aire teña calidade e os ríos non se convertan en masas tóxicas de auga, pero por nada do mundo quero que un gandeiro teña que pechar a súa gandería por unhas medidas ambientais imposibles de cumprir, e en ocasións, desconectadas da realidade.

Por eso, Europa debe promover unha política climática coherente. En primeiro lugar, porque de non facelo a sociedade ignorará calquera consecuencia negativa do cambio climático. Ninguén crerá nunhas medidas climáticas cuxa lóxica non se atopa por ningún sitio. Non podemos queixarnos despois se os mozos consideran o ecoloxismo unha burla. Non comparto a súa opinión, pero entendo o proceso polo cal chegaron a pensar dese xeito.

En segundo lugar, a política medioambiental debe permitir que os cidadáns poidan desenvolver a súa vida, sobre todo nos lugares onde viviron sempre (O tantas veces invocado “The right to stay”).

Para que a Mariña viva, necesitamos á súa vez empresas que vivan nela. Co actual debate sobre a competitividade europea encima da mesa, é cando a nosa comarca debe xogar as súas cartas. Os nosos representantes políticos municipais deben acudir a foros, reunións con investidores e feiras de promoción exterior. As nosas asociacións de empresarios e comerciantes deben traballar de xeito conxunto cuns políticos motivados, que fagan do noso territorio un motor de oportunidades.

A batalla pola atracción de empresas xa comezou, e vai ter lugar tanto se nós como comarca decidimos estar, coma se non.

Se os alcaldes da Mariña queren obter algo para os seus cidadáns e municipios, tocaralles remangarse, atarse forte as botas e saír a xogar o partido para conseguir que a nosa comarca teña o futuro que merece.

Parafraseando a Josep Borrell, é hora de que a Mariña comece a falar a linguaxe do poder.