Opinión

«Pasaporte a Ormuz sen saír da Mariña Lucense», artigo de opinión de Iago Lombardía Sanjulián

Quen lle ía dicir aos nosos antepasados, a principios de século, que algo que podía ocorrer no afastado Estreito de Ormuz podería repercutir con tanta forza na nosa terra? Quen lle ía dicir aos tataravós dos nosos tataravós que un presidente americano se aliaría cun Israel, “non nato” naquela época, para intentar dominar politicamente Oriente Medio?

Xa pasaron unhos 5.000 anos desde a Idade de Pedra, pero o ser humano segue dependendo do mesmo: os recursos naturais. As enerxías renovables avanzaron considerablemente desde principios dos anos 2000, chegando a converterse nun verdadeiro sector económico que emprega a milleiros de persoas. Non obstante, atopámonos aínda nun momento de transición cara a estas enerxías e a nosa dependencia dos combustibles fósiles tradicionais segue sendo estrutural. Estes son o carbón, o petróleo e o gas natural.

De Nova York a Alfoz, ou de Ribadeo a Hong Kong, a subida de prezos destes elementos, e tamén dos seus derivados, repercutiu na nosa actividade diaria. Non é unha percepción, senón unha realidade medible. Todo isto tradúcese nun encarecemento dos procesos produtivos, inflación, incerteza e contracción dos investimentos polo medo ao que poida ocorrer.

A nosa terra, A Mariña, non permanece allea a isto. A planta de Alcoa é un dos tantos axentes prexudicados polo prezo da electricidade, que chegou a aumentar un 59,5 % respecto do prezo anterior ao inicio do conflito de Irán. Ademais, lembremos que esta planta é unha industria electrointensiva, polo que necesita un elevadísimo abastecemento de electricidade para funcionar axeitadamente.

Algo similar ocorre no noso sector pesqueiro, tan importante para portos como o de Burela ou Celeiro, líderes en Galicia polo seu volume de capturas, onde o combustible pode chegar a representar máis do 40 % dos custos operativos. Do mesmo xeito, vense afectados moitos outros sectores da nosa comarca.

O 20 de marzo, o Consello de Ministros de España aprobou un real decreto lei para paliar os efectos negativos que está a sufrir a nosa economía a raíz da xa denominada “Guerra de Irán” (ante este nome, resúltame inevitable preguntarme: “Nalgún momento da nosa historia recente non houbo guerra en Irán?”).

Segundo as declaracións do Goberno, estas 70 medidas superarán os 5.000 millóns de euros e beneficiarán a 20 millóns de fogares e 3 millóns de empresas en España.

Ao referírmonos a este contexto, non podo evitar lembrar un recente anuncio da Xunta de Galicia, no que informaba de que a Comisión Europea identificara en Galicia 18 dos 35 minerais ou elementos naturais considerados estratéxicos para a Unión Europea. Estímase que o valor dos mesmos podería situarse entre os 25.000 e os 45.000 millóns de euros. Sen dúbida, toda unha xanela de oportunidades para Europa desde a nosa terra galega.

En conclusión, vemos como o mundo cambia a pasos axigantados e como, cando as cousas non van ben, emerxe unha curiosa paradoxa: falamos de intelixencia artificial, desenvolvemos tecnoloxía aeroespacial e mesmo os máis atrevidos experimentan para acadar a vida eterna a través da investigación máis punteira en medicina, pero seguimos declarando guerras e lanzando mísiles por algo tan primario como os recursos que a natureza nos deu.

Comentarios