A pasada fin de semana inauguráronse en Viveiro o Belén e a iluminación de Nadal. Quero comezar dicindo que me alegra que estas tradicións continúen vivas, porque forman parte da identidade do noso concello e contribúen a dinamizar a economía local nun momento clave do ano.
Porén, tamén considero necesario facer unha reflexión. O Belén, que hoxe vemos consolidado e que tantas persoas visitan, non estivo sempre aí. Durante varios anos deixou de instalarse en Viveiro, por motivos que toda a veciñanza coñece e nos que non vou entrar porque non creo que sexa necesario volver sobre eles.
O importante é que, no ano 2014, dende o goberno socialista decidimos recuperar o Belén. Fixémolo con ilusión, con responsabilidade e cun profundo respecto polo patrimonio. Ano tras ano consolidámolo ata convertelo nun reclamo turístico esencial do Nadal en Viveiro, capaz de atraer visitantes, crear ambiente e contribuír ao comercio e á hostalaría nun momento de especial relevancia para a cidade.
O mesmo ocorre co alumeado de Nadal. A práctica totalidade da iluminación do casco histórico é hoxe propiedade municipal porque durante anos fomos adquirindo e ampliando esa iluminación, mellorando cada campaña para que Viveiro tivese un Nadal atractivo, de calidade e ao nivel que a nosa cidade merece.
Non escribo isto para atribuír méritos persoais nin partidistas. Gobernar é traballar polo teu concello, e así o fixemos. Pero si creo que é importante lembrar que moitas das cousas que hoxe vemos como naturais, e que agora se presentan coma se fosen novas, cando antes se criticaban, foron posibles grazas a unha planificación e a unha xestión realizada durante anos.
A memoria non é un exercicio de confrontación, senón de honestidade.
E Viveiro merece que se fale con claridade sobre o traballo que hai detrás de cada avance, tamén daqueles que continúan agora con normalidade.
Alégrome de que o Belén siga adiante. Alégrome de que o alumeado siga iluminando o noso casco histórico. E alégrome, sobre todo, de que Viveiro siga avanzando.
Pero creo que tamén é xusto dicir que o presente que hoxe disfrutamos naceu dun traballo previo, dun compromiso firme coa cultura, co turismo e coa vida da nosa cidade.
María Loureiro García, Portavoz do Grupo Municipal socialista