Opinión

Cen días de goberno do Partido Popular

CONCELLO DE VIVEIRO  (22)
photo_camera Foto. Concello de Viveiro.

Pasaron xa cen días desde que o Partido Popular asumiu o goberno en Viveiro. Non é moito tempo, é certo, pero si o suficiente para facer unha reflexión responsable e serena sobre a súa xestión e sobre o rumbo que, polo de agora, está a tomar o noso Concello.

Nestes tres meses non se fixo público ningún compromiso concreto por parte da alcaldesa nin do seu equipo. É especialmente chamativo, tendo en conta que a moción de censura foi xustificada cun suposto acordo de 6 millóns de euros para Viveiro. A día de hoxe, nada se sabe deses fondos. Soamente o anuncio do suposto paseo á beira da ría que se vai facer no muelle. Nin unha soa palabra sobre a súa concreción, nin un proxecto anunciado, nin unha explicación para a veciñanza.
Mentres tanto, o único que están a facer é executar proxectos que deixamos preparados desde o anterior goberno socialista. Paréceme importante dicilo con claridade.


Durante o ano e medio que a alcaldesa estivo na oposición sufrimos o desprestixio e críticas constantes pola súa parte e pola do Partido Popular. Chegaron a acusarnos de non facer nada, de ser un goberno paralizado. Hoxe vemos que, lonxe de estarmos paralizados, traballamos e deixamos moitas cousas encamiñadas.


Proba diso é que agora mesmo seguen adiante actividades que iniciamos os socialistas: o Mercado Renacentista, a presenza de Viveiro na Feira Internacional da Semana Verde de Silleda, o Campamento de Verán gratuíto para nenos e nenas para garantir a conciliación laboral das familias, así como as obras que se están a facer na piscina, a instalación da deshumectadora para abrir o vaso pequeno, e o proceso de licitación de máquinas para renovar o ximnasio tamén da piscina municipal, grazas a un convenio que asinei coa Deputación de Lugo.


Fai uns días, a alcaldesa acudiu a Xixón a asinar o protocolo de colaboración da Rede de Municipios do Camiño de Santiago a Vela, polo que Viveiro recibe a expedición da travesía internacional «Navega o Camiño», unha iniciativa tamén do goberno socialista para promocionar e darlle visibilidade ao Camiño do Mar desde hai dez anos.


E obras que están a rematar, como a rúa do Porto de Celeiro, as beirarrúas de Magazos... e as obras previstas do Plan Deputación 2025.

Tamén as dificultades coas que agora se atopan —cadrar os orzamentos, manter as subvencións ás asociacións culturais e deportivas— son as mesmas que nós sufrimos, e sen o apoio da Xunta de Galicia. A pesar diso, buscabamos alternativas.
Como as últimas subvencións aos clubs e asociacións culturais que se deron grazas a un convenio extraordinario coa Deputación de Lugo.

Non quero que este escrito quede nun reproche, senón nunha chamada á honestidade. Gobernar un Concello require humildade, coherencia e tamén continuidade cando as cousas se fan ben.


Oxalá se presenten novos proxectos para Viveiro, porque iso é bo para os/as veciños/as. Pero, mentres tanto, creo que é xusto que a cidadanía saiba que, se algo se está facendo nestes últimos meses, é grazas ao traballo e ao esforzo do anterior equipo de goberno.


Seguirei traballando desde a responsabilidade e o compromiso. Sempre co mellor para Viveiro como prioridade.

María Loureiro García
Portavoz do PSdeG-PSOE no Concello de Viveiro

Comentarios