
O Partido Socialista aceptou democraticamente a moción de censura que me destituíu como alcaldesa e respectamos o novo goberno. Pero tamén dende o respecto imos rebater e explicar aos veciños e veciñas de todo o que se nos acuse inxustamente.
Ós dous días de tomar posesión a nova alcaldesa xa dicía que estaba todo mal e que deixamos todo feito un desastre. Nin lle dera tempo de reunirse cos diferentes departamentos. Iso quere dicir que xa entrou co guión para botarnos a culpa de todo.
Loxicamente quedaron cousas a medias e sen tramitar porque en 10 días nos botaron. Aínda que pechamos moitos asuntos e tramitacións sobre todo en relación coas subvencións, para non perdelas, quedaron cousas porque non nos deu tempo.
Hai unha realidade, que non din porque non lles convén. No 2015 o Concello de Viveiro tiña unha débeda de catorce millóns de euros e agora no 2025 a débeda baixou ata 6,7 millóns de euros.
Este novo goberno ten boa sorte, non como o anterior goberno bipartito do 2003. Cando Melchor Roel foi alcalde había unha débeda de once millóns de euros, hai 22 anos, que agora seria case o triplo. Esa débeda que deixou o mentor da alcaldesa, o señor Cesar Aja, condicionou estes anos ao Concello de Viveiro. Nos o que fixemos foi reducila e manter os servizos para os veciños e veciñas.