«O novo campo de herba artificial: planificación ou parche?», artigo de opinión de Martín Graña, portavoz municipal do BNG de Ribadeo

A política municipal de calidade recoñécese pola súa capacidade de dar continuidade aos proxectos que funcionan e por saber interpretar as necesidades reais da veciñanza. En Ribadeo, o fútbol base e local atópanse nunha encrucillada onde se xoga algo máis que a calidade do céspede: xógase a eficiencia na xestión dos recursos públicos.

Nos últimos anos, as infraestruturas deportivas de Ribadeo foron medrando e mellorando de xeito gradual. Esa estratexia de avanzar por fases permitiu ir consolidando espazos e servizos de xeito ordenado, pero calquera planificación seria require dun colofón que lle dea sentido e utilidade ao conxunto. Tras as melloras previas, chegamos ao momento clave: agora xa toca, sen máis escusas nin demoras, a construción do campo de herba artificial. É o paso lóxico e necesario para evitar que o campo natural do Pepe Barrera, sometido a unha carga de uso insostible coa chegada dos torneos e a actividade intensiva das vindeiras semanas, acabe por converterse nun terreo inutilizable.

Porén, o goberno municipal do Partido Popular parece decidido a romper coa lóxica e a coherencia urbana. Despois de tres anos de parálise falando de diversas localizacións e propostas estrambóticas parece que xa está escollido o lugar definitivo: o campamento da Devesa. A súa pretensión de situar o novo campo de herba artificial neste lugar, a doce kilómetros do núcleo urbano, é un erro estratéxico que desde o BNG non podemos deixar pasar. Trátase dunha decisión que non soluciona o problema, senón que o traslada de lugar. Construír esta infraestrutura na Devesa supón unha deslocalización inxustificada que obriga a desprazamentos innecesarios a centos de usuarios, familias e deportistas do fútbol base que teñen o seu centro de actividade natural no núcleo da vila.

Non se pode gobernar a golpe de improvisación e pensando só en vender á xente "que se fan cousas" a través de anuncios rechamantes que non resisten unha análise técnica mínima. Un goberno responsable debe dar solucións coherentes, completas e sostibles no tempo, non buscar titulares rápidos que hipotecan a comodidade dos veciños e veciñas durante décadas.

A solución máis intelixente segue sendo a que propón o BNG: o anexo do Pepe Barrera. Esta ubicación é a mellor posible por unha cuestión de accesibilidade e, sobre todo, de planificación integrada. Situar o campo artificial no anexo permitiría completar a gran área deportiva municipal, aproveitando as sinerxías das instalacións xa existentes e ofrecendo unha solución estable para o Ribadeo e para toda a canteira. É o lugar onde debe estar porque é onde é máis útil e eficiente.

Non podemos esquecer que esta proposta conta cun respaldo institucional claro: foi unha proposta nosa aprobada polo Pleno municipal e formaba parte dos compromisos que o propio goberno do PP aceptou. Seguir acumulando promesas mentres se propoñen alternativas periféricas na Devesa que non convencen a ninguén é unha falta de respecto ao deporte local. Estamos a tempo de facer as cousas ben e de rematar a mellora das nosas instalacións con sentidiño. O goberno municipal debe abandonar a improvisación, cumprir coa veciñanza e pensar no futuro.