Opinión

Balance 2023

IMG PERFIL - 2023-12-29T165539.827

Como acostuma ser habitual nestes últimos días do ano, entre celebracións coa familia, cos compañeiros do traballo ou coas nosas amistades, é frecuente facer balance dos doce meses que deixamos atrás, e por suposto, lanzar os mellores propósitos para o novo ano.

Tamén resulta frecuente facer este tipo de reflexións en relación coa xestión municipal. E en Ribadeo tan só fixo falta medio ano, o que leva gobernando o PP no Concello, para observar o rápido que se instalan certas prácticas dentro do Pazo de Ibañez. Ao que xa é coñecido como o goberno do despilfarro hai que engadirlle os continuos enredos e faltas de compromiso. Pasados algo máis de seis meses dende a súa toma de posesión e a piques de rematar o exercicio, en Ribadeo seguimos agardando pola aportación da Xunta de Galicia para a reconstrucción do Hospital Asilo, ou para o Centro de Saúde, entre outras necesidades, para os que, por certo, os deputados do PP no Parlamento de Galicia votaron en contra hai tan só unhas semanas. Por non chegar, non chegou (nin chegará xa) o anunciado convenio, tamén coa Xunta, para financiar parte dos gastos do Ribadeo Indiano.

E ao goberno actual do PP en Ribadeo non lle quedou máis remedio que recoñecelo ante a consulta escrita que lle fixemos recentemente: tan só existe un convenio coa Consellería de Política Social para sustituir varias portas do Centro de día e para o que a administración autonómica aporta como máximo 16.000 €.

Nestes seis últimos meses pódese decir que viviron de rentas, concretamente dos convenios e proxectos iniciados polo goberno anterior e que aínda quedan por executar nos vindeiros meses. Pero, claro, desta herdanza non nos “botan a culpa”; ao contrario, ben que queren apropiarse de todo este traballo ben feito.

E para o Sr. Alcalde todo isto parece que non vaia con él. Dedícase a lanzar frases feitas e proclamas grandilocuentes coas que intenta tapar as carencias da súa xestión durante todo este tempo. Incluso non ten reparo en renegar das súas promesas electorais ao ritmo de “Agora non toca...”. Contrata propaganda e empresas sen moito xeito a costa de todas e todos nós para realizar traballos que xa se viñan facendo por parte dos operarios municipais, posiciónase en contra da veciñanza cando decide non reclamarlle á Xunta máis facultativos médicos para Ribadeo, aproba uns orzamentos que reducen as achegas en áreas tan sensibles como as axudas ás familias en risco de exclusión, en materia de igualdade ou nas actividades de animación para os nosos maiores, pero acórdase de subir a taxa do lixo. Quere liderar as festas e os festivais como si os inventase el pero de repente atópase de bruces coa realidade: hai que pagar as facturas, ás veces abultadas , cada vez máis atrasadas, e aí xa non andan tan áxiles. Aí cáese o castelo de naipes que resulta ser o seu goberno sen proxecto.

Eso sí, as tres dedicacións exclusivas a cargo do Concello que non falten.

En fin, si do que se trata é de facer balance xa que estamos en fin de ano, o balance é ben pobre.

Ogallá algunhas cousas cambien neste 2024 a piques de comenzar. É necesario. Está na nosa man.

Desde o grupo municipal do BNG de Ribadeo imos seguir adoptando unha actitude construtiva e facendo propostas serias e rigorosas, ademais de facernos escoitar cando a Xunta de Galicia e o goberno municipal esquezan os intereses do pobo de Ribadeo.


 

Feliz Aninovo para todas e todos.


 

Pablo Vizoso Galdo

Voceiro Municipal do BNG de Ribadeo

Comentarios