Luis Balsa, presidente da comisión de O Naseiro: «Se o tempo acompaña, poden pasar 10.000 persoas cada día»
A organización da Romaría do Naseiro 2025 está nas mans dun grupo de seis persoas que asumiron este ano a responsabilidade coa ilusión de continuar tamén o próximo e mellorar edición tras edición. Entre elas está Luis Balsa, que leva uns catro anos axudando na organización e toda unha vida unida á festa: empezou a aparcar coches no val con 20 anos e hoxe acumula 45 edicións ás súas costas. Este ano preside a comisión, aínda que recalca que «aquí todos somos iguais».
— Cales son as datas e o día grande deste ano?
— Do 22 ao 27 de agosto, seis días en total porque incluímos o Día do Neno. O día grande é sempre o cuarto domingo de agosto.
— O Naseiro coñécese como a Romaría do Bo Xantar. Mantense esa tradición?
— Cada vez menos. Antes gardábase máis, viña máis xente maior e había o día do polbo, dos callos… Agora algunhas mesas aínda o conservan, pero son poucas.
— Vostede leva moitos anos vivindo o Naseiro. Que cambiou máis nestas décadas?
—Todo cambia, e o Naseiro tamén. Por exemplo, antes viñan moitos autobuses de excursión, de Asturias, Ferrol ou A Coruña. Podían chegar aos cen. Iso agora xa non pasa.
— E no que respecta ao desprazamento?
— Hoxe cóntase cun servizo de buses desde Viveiro, todos os días.
— Cantas persoas poden pasar polo Naseiro nestes días?
— Se o tempo acompaña, tranquilamente poden pasar 10.000 persoas cada día. A xuventude non falla nunca; a xente da miña idade vai tres días, ás veces os cinco.
— Cal é o maior reto para a comisión?
— Axustar o diñeiro. Hai que traballar moito e, aínda así, nunca sabes como vas quedar. Facemos a petitoria por Viveiro, Celeiro, mesmo por Xove; vendemos camisetas, panos, sombreiros, rifas… Temos tamén as atraccións e os «botiquíns», que pagan coma todos. E contamos coa colaboración das administracións, entre elas o Concello, que achega 20.000 euros.
— Como se organiza o espazo?
— Hai arredor dun quilómetro cadrado, cheo de casetas de familias e grupos de amigos. Cada unha monta a súa mesa, e adoitan ser entre 300 e 325. Para vivir o Naseiro de verdade hai que ter mesa e ir con amigos. Se só vas dar unha volta, pásalo ben unhas horas, pero non é o mesmo.
— Que significa o Naseiro para Viveiro?
— É unha romaría moi tradicional, que trae moitos beneficios. Supermercados, restaurantes, encargos de comida… todos se ven favorecidos.
— Como valora o programa deste ano?
— Está nun termo medio. Este ano empezamos con catro meses de antelación e queremos seguir tamén para o ano e facelo mellor. A nosa idea é comezar antes, mesmo coa lotería de Nadal. Nada se mellora sen traballar.
— Como valora a xente o traballo da comisión?
— Aínda que veñan as mellores orquestras, nunca vai estar ao gusto de todos. O que está na comisión ten que oír, ver e seguir para adiante. O único camiño é traballar, traballar e traballar.
— Vostede desfruta do Naseiro?
— Moito. Eu desfruto cando vexo que a xente desfruta e que non hai problemas. Vou á mesa, pero comemos por quendas, porque é unha mesa de traballo. Cando vou a outras festas, outros traballan para min. Aínda que estea traballando, estou desfrutando.