Mariña Gueimunde: «As Festas Patronais son un símbolo vivo da identidade de Viveiro»
Accedeu á alcaldía en marzo deste ano e agora prepárase para vivir con intensidade as súas primeiras Festas Patronais no cargo. Mariña Gueimunde repasa o proceso que se levou a cabo para confeccionar o programa e rememora as súas lembranzas dunha cita que a acompanou durante toda a vida.
-Que supoñen para Viveiro as Festas Patronais?
-As nosas Festas Patronais son moito máis ca unhas datas no calendario: son un símbolo vivo da identidade de Viveiro e un punto de encontro que une xeracións. Para o Concello, representan a oportunidade de manter vivas tradicións centenarias, de fortalecer os lazos entre veciños e de acoller a todas as persoas que nos visitan. Estas celebracións non só teñen un fondo valor cultural e emocional, senón tamén un importante impacto económico e turístico, pois contribúen a dinamizar a hostalería, o comercio e a proxección exterior da nosa cidade. Como alcaldesa, síntome orgullosa de que Viveiro sexa capaz de combinar o respecto polo noso patrimonio inmaterial cunha programación festiva aberta, diversa e participativa, que fai que todos e todas nos sintamos parte desta grande celebración.
-Que lembranzas ten das Festas Patronais?
-Teño recordos moi entrañables das festas patronais de Viveiro. Sempre as vivín con moita pasión: as rúas enchidas de luces, música e xente, moita xente; encontros familiares, cos amigos que viñan de fóra; e ese ambiente especial que só se sinte neses días. Sempre había un momento máxico, xa fose nunha procesión, nun concerto ou simplemente paseando polo casco histórico, no que sentía que todo o pobo estaba unido. Algo idílico que pervive aínda hoxe na miña memoria e me emociona lembrando a aqueles que hoxe xa non están e que tanto gozaban daqueles días, sobre todo ao meu pai. Co tempo, aprendín tamén a valorar o enorme esforzo que hai detrás: o traballo das comisións, das asociacións, dos servizos municipais e de tantas persoas que colaboran para que todo saia ben. Agora, como alcaldesa, síntome privilexiada de poder contribuír a que esa tradición siga viva e que as novas xeracións teñan tamén eses recordos que nos acompañan toda a vida.
-Son especiais para vostede por ser as primeiras como alcaldesa?
-Vivir as festas patronais como alcaldesa é unha experiencia moi distinta a facelo só como veciña. Por un lado, está toda a parte de responsabilidade: coordinar coa comisión organizadora, garantir que os eventos se desenvolvan sen problemas, axustar o orzamento, falar cos provedores, cos corpos de seguridade, e tamén recibir ás autoridades que nos visitan. Hai moito traballo detrás de cada concerto, de cada feira, de cada acto cultural ou deportivo. E iso significa que, ás veces, non podes gozar das festas coa mesma liberdade que cando eras simplemente unha máis na praza. Pero, por outro lado, tamén é unha honra inmensa poder representar a Viveiro nestes días tan especiais. Ves como todo o pobo se xunta, como se revive a tradición, como os rapaces e as familias enchen as rúas… E iso dálle sentido a todo o esforzo previo. Ademais, non deixo de sentirme viveirense: cando rematan os actos institucionais, sempre procuro ter un anaco para camiñar polas casetas, escoitar un grupo, rir cos veciños e vivir a festa coma sempre fixen. Ao final, creo que o que cambia non é tanto o que sentes, senón a perspectiva. Como alcaldesa, vives as festas dende dentro da organización, co peso de que todo saia ben; como cidadá, vives a ledicia pura e simple de compartir uns días que son parte da nosa identidade.
-Como se está desenvolvendo o verán en Viveiro?
-Este verán, Viveiro está a vivir unha experiencia completa: desde o Resurrection Fest e outros espectáculos musicais ata mostras de folclore tradicional, eventos deportivos e unha ampla oferta cultural con feiras como a Renacentista, de artesanía, do libro e teatro. Exposicións variadas, presentacións de obras literarias... As Festas Patronais e os campamentos de verán complementan unha programación que enche a cidade de vida e cultura. O ambiente é excelente e a resposta de cidadanía e visitantes, extraordinaria.
-Pódese estimar desde un punto de vista cuantitativo o que supoñen as Festas Patronais para Viveiro?
-Non me atrevo a cuantificar. Se Viveiro está cheo, se Viveiro está vivo é que todo vai ben.
-Que supón que o pregoeiro das festas sexa Adrián Ben?
-É unha enorme satisfacción que Adrián Ben sexa o pregoeiro das Festas Patronais deste ano. Adrián é un símbolo do esforzo, da superación e do éxito dun viveirense predilecto que leva o nome de Viveiro no seu corazón, un exemplo que nos inspira a todos. A súa presenza abrirá as nosas celebracións transmitindo a súa alegría, a tradición e o espírito único de Viveiro. Confiamos en que o seu pregón non só inaugurará oficialmente as festas, senón que tamén nos lembrará o valor da nosa terra e das nosas xentes.
-Como viven os visitantes as Festas Patronais de Viveiro?
-En Viveiro, as nosas festas constitúen un elemento central da identidade cultural e social do municipio. Cada ano recibimos visitantes que participan activamente nas celebracións, gozando coas verbenas, concertos, actividades culturais e deportivas, e da nosa gastronomía tradicional. Para o Concello é prioritario garantir que todas as persoas que se achegan a Viveiro vivan unha experiencia segura, enriquecedora e plenamente representativa das nosas tradicións. Estas festas non só fomentan o turismo, senón que tamén consolidan o espírito viveirense que caracteriza a nosa cidade.
-Que papel xogan as asociacións veciñais e culturais na organización das festas?
-As asociacións culturais, veciñais e a Comisión de festas teñen un papel fundamental nas nosas celebracións patronais. A súa colaboración é totalmente desinteresada, pero imprescindible, xa que axudan a organizar e coordinar os eventos, promover a nosa cultura e tradicións locais, e implicar activamente aos veciños na vida da cidade. Grazas a este compromiso voluntario, conseguimos manter vivas as nosas tradicións, fortalecer o espírito comunitario e ofrecer unhas festas que son, realmente, de toda a veciñanza.
-Como se mantén o equilibrio entre tradición e modernidade na programación?
-Hai que pensar en todos, garantir a continuidade das nosas romerías, algunha delas declarada de Interese Turístico. Mais debemos espertar Interese e xenerar expectativas a viveirenses e turistas para manter a sua atención e así contrarrestar a grande oferta que existe na comarca. Buscamos un equilibrio entre tradición e modernidade. Mantemos as nosas procesións e rituais centenarios, ao mesmo tempo que incorporamos actividades innovadoras e abertas a todos, especialmente aos máis novos. Así, honramos o pasado, promovemos a participación e facemos que as nosas festas sigan vivas e atractivas.
-Unha comisión que asumíu a responsabilidade de coorganizar as festas co concello, entendendo que isto suporía un derroche de esforzo polo seu pobo, que finalmente dará os seus froitos e que agradecemos enormemente. A colaboración inestimable do Resurrection Fest con motivo vixésimo aniversario con dous grupos no noso programa... E, por suposto, a magnífica representación viveirense como pregoeiro das nosas festas de Adrián Ben. Deportista de élite e viveirense pro. Non poderíamos ter mellor representación.