O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR traballa para mellorar o medio mariño e os seus recursos e para as xentes do mar, de xeito que poidan vivir dun sector marítimo e pesqueiro máis competitivo e sostible, converténdose para isto nunha plataforma de coordinación de institucións e de integración de todos os recursos de diferentes disciplinas en investigación e tecnoloxía mariña dispoñibles en Galicia, fomentando a innovación nos sectores mariños. O centro busca así promover a eficiencia de todas as actividades relacionadas co uso e a explotación do medio mariño, á vez que contribúe á implementación de políticas públicas.
Ámbito de actuación
Desde a súa constitución no ano 2001 por iniciativa da Consellería do Mar e da Dirección Xeral de I+D+i da Xunta de Galicia e do entón Ministerio de Ciencia e Innovación, CETMAR estende a súa actividade aos ámbitos local, nacional, europeo e internacional, beneficiando a todos os sectores públicos e privados relacionados co mar e os seus recursos, e co medio mariño en xeral.
A institución traballa da man das administracións, centros de investigación, universidades, empresas, do sector marítimo e pesqueiro e da sociedade, moitos deles representados no seu Padroado, e nos seus 24 anos de historia, colaborou con máis de 900 socios de 61 países de todo o mundo, levando a cabo o seu traballo en diversas áreas:
-
Desenvolvemento de redes e proxectos colaborativos.
-
Difusión, formación e creación de capacidades.
-
Asistencia técnica, pedidos e contratos.
-
Desenvolvemento de estratexias e análises sectoriais.
-
Xestión e transferencia de coñecemento.
-
Observación e vixilancia mariña.
-
Cooperación para o desenvolvemento en terceiros países.
Todo isto no marco de seis liñas estratéxicas:
-
Xestión da innovación, difusión e transferencia de coñecemento.
-
Gobernanza, marco regulatorio e políticas públicas.
-
Dinamización e diversificación do tecido empresarial e produtivo.
-
Xestión sostible do medio ambiente e dos recursos.
-
Seguridade alimentaria.
-
Cambio climático e ecosistemas mariños e costeiros.
Organización
O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR conta cun cadro de persoal formado por 53 profesionais de diferentes disciplinas organizados en oito áreas de traballo:
-
Control e Xestión do Medio e dos Recursos Mariños está centrada na prevención, resposta e mitigación da contaminación mariña (vertidos de petróleo e produtos químicos, contaminantes emerxentes, lixo mariño), a xestión sostible dos recursos mariños e a planificación espacial marítima.
-
Promoción e transferencia de tecnoloxía xestiona o coñecemento para facilitar a transferencia de resultados aos usuarios e a innovación, a monitorización do entorno tecnolóxico e a análise prospectiva.
-
Unidade de Tecnoloxías Mariñas: encárgase da monitorización mariña e costeira e desenvolve e adapta novas tecnoloxías para o medio mariño. Ademais, ofrece produtos e servizos específicos aos usuarios finais.
-
Socioeconomía da Pesca analiza datos sobre pesca e economía azul, fai seguimento das comunidades costeiras e dos mercados de produtos do mar e avalía políticas e tendencias sectoriais.
-
Tecnoloxía de produtos pesqueiros, centrada no desenvolvemento de proxectos e servizos relacionados coa valorización de subprodutos e recursos mariños, a seguridade alimentaria, os procesos industriais e outros aspectos ambientais.
-
Formación é a área centrada na formación marítima, así como na divulgación científica e na cultura oceánica.
-
Cooperación internacional colabora con terceiros países no sector da pesca e da acuicultura mediante o fomento do extensionismo, o desenvolvemento de plans de formación, o deseño de plans estratéxicos e o fortalecemento dos sectores produtivos.
Proxectos e servizos
Na actualidade, o equipo de CETMAR lidera, coordina e traballa en 50 proxectos e servizos que abordan desde a loita contra o cambio climático ata o crecemento da economía azul, a gobernanza e a xestión dos recursos ou a observación mariña, entre outros.
Un exemplo da colaboración interinstitucional e interdisciplinar e do papel do CETMAR é a participación no Programa de Ciencias Mariñas de Galicia (PCCMMG) no que traballa tanto desde a súa coordinación xeral como en sete paquetes de traballo nos que todos os departamentos do CETMAR.
Cun orzamento de 10.000.000 de euros, o programa conta coa participación e promoción de 250 investigadores de múltiples disciplinas pertencentes ás tres universidades do Sistema Universitario Galego, os catro centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (IEO, IIM e INCIPIT) e aos seis centros tecnolóxicos ou de investigación da Xunta de Galicia (CETMAR, INTECMAR, CIMA, IGaFA, CESGA e METEOGALICIA), así como a Consellería do Mar.
A protección e xestión sostible dos servizos dos ecosistemas mariños é o principal reto do Programa Galego de Ciencias Mariñas a través de tres grandes liñas de actuación: a observación e seguimento do medio mariño e do litoral; a acuicultura sostible, intelixente e de precisión, e a innovación e as oportunidades da economía azul.
A primeira liña de actuación do PCCMMG está relacionada co traballo que desde fai mais de dez ven desenvolvendo CETMAR relacionado coa observación e a predición das condicións meteorolóxicas e oceanográficas da costa galega, e a través da súa participación no Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia.
Trátase dun traballo conxunto con MeteoGalicia e Intecmar que fai posible a actividade deste servizo e a súa contribución á eficiencia na xestión de eventos extremos, á resiliencia ante o cambio climático e á xestión sostible dos recursos mariños.
Outro dos retos que afronta na actualidade CETMAR é o de ser a oficina técnica responsable do seguimento da Estratexia da Economía Azul de Galicia, un encargo da Consellería do Mar dada a experiencia nesta materia do centro, que será así responsable de avaliar a evolución desta folla de ruta, facilitar o seu desenvolvemento e comunicar os seus resultados á sociedade.
Padroado
O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR é unha fundación sen ánimo de lucro de interese galego constituída por iniciativa da Xunta de Galicia e do Goberno central, e coa participación das universidades de Vigo, A Coruña e Santiago, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas, o Instituto Español de Oceanografía e o Centro Técnico Nacional para la Conservación de Produtos Pesqueiros (CECOPESCA).
Todas estas institucións forman parte do Padroado que rexe a Fundación, e no que tamén están representadas as consellerías de Economía e Industria; Medio Ambiente e Cambio Climático, e Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, así como o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación e o de Derechos Sociales, Consumo y Agenda 2030, ademais da Asociación Española de Mayoristas, Importadores, Transformadores y Exportadores de Productos de la Pesca y Acuicultura, Conxemar.