Jesús Timiraos leva anos ao cargo da barbería que leva o seu nome na Rúa Grande de Celeiro e, ademais, é un dos impulsores do lecer na parroquia. Tras dúas décadas como membro da Comisión de Festas de Celeiro e un tempo de inactividade, volve á escena como novo presidente da Asociación Penalba co obxectivo de recuperar e protexer a Festa da Merluza, que este sábado, 19 de xullo, celebra o seu 25º aniversario despois do parón forzoso do ano pasado.
Que é máis complexo: cortar o pelo ao gusto do cliente ou organizar unha gran festa ao gusto de toda unha localidade?
Durante vinte anos fixen as festas patronais e parecíame doado organizar a festa; o complicado era xuntar os cartos necesarios para ela. Este ano, por primeira vez, estou coa Asociación Penalba na nosa primeira Festa da Merluza, coincidindo co 25 aniversario, e cústame máis. Debe ser pola inexperiencia, polo medo a que non lle guste a todo o mundo como a organizamos. Pero, como di o dito, "nunca chove a gusto de todos".
É o primeiro ano que formas parte da organización da Festa da Merluza. Como xurdiu isto?
A directiva anterior da Asociación Penalba, que este ano cumpre 40 anos, decidiu deixar a súa labor. Se alguén quería coller o relevo, adiante, e se non, a asociación tendería a desaparecer, e con ela a Festa da Merluza. Así que, entre varios amigos, falamos: se non hai ninguén que a colla, pois imos collela nós. Parecíanos triste que unha asociación con tanta historia desaparecese da noite para a mañá, e máis aínda unha festa que conta co distintivo de Interese Turístico de Galicia. Decidimos darlle un aire novo: se é un ano, un ano; se son dous, dous. E a ver se vai xurdindo relevo xeracional que tamén se implique nestas cousas.
Cantos quilos de merluza están encargados para esta edición?
Este ano, Puerto de Celeiro, que é un dos principais patrocinadores —o patrocinador da merluza—, vai subministrarnos uns 800 quilos. Hoxe pola tarde, ás 16:00, un grupo de xente anónima, veciños e veciñas sen relación directa coa asociación, achegarase para traballar esa merluza: cortala e preparala para que estea lista mañá para os fogóns.
Canta xente esperades que se achegue á festa?
Se se mantén a previsión doutros anos, venderanse entre 1.800 e 2.000 racións. Agora, se alguén repite ou se cada persoa come unha, diso non teño control. Pero é unha cifra que nos serve de referencia.
Cantos pratos diferentes de merluza se poderán degustar?
Temos merluza en salsa verde, caldeirada, empanada, Galipizza, chilindrinas, salpicón e a especial Penalba. Esta última é a especialidade da nosa matriarca na cociña, Bárbara, e do seu fillo Óscar. É unha receita propia que leva marisco, gambón, ameixas... Todo o mundo quere probala e quen a proba, repite. Pero a receita é segredo profesional, non se revela.
A que prezos estarán dispoñibles estas racións?
A Galipizza e as chilindrinas custan 7 euros; a empanada, 6; o resto das especialidades, agás a Penalba, están a 12 euros. A Penalba, pola súa elaboración e ingredientes, está a 13 euros.
Houbo que subir prezos con respecto a outras edicións?
Si, houbo unha pequena suba nalgúns produtos. Desde hai dous anos, que foi a última edición, todo encareceu: o aceite para as patacas, as bombonas... A cesta da compra en xeral subiu, e todo iso afecta ao custo de organizar unha festa coma esta.
A programación da festa tamén inclúe música. Que ofreceredes nesta edición?
Pola tarde, a partir das oito, actúa o grupo Xacarandaina, especializado en voces, canto e baile rexional. Veñen desde Santiago e teñen proxección internacional. E pola noite, sobre as once ou once e media, teremos a discoteca móbil Conxuro, para mover o esqueleto despois da cea.
Fuches parte da Comisión de Festas de Celeiro durante vinte anos. Que che levou a deixalo?
Foi por cansazo. Vinte anos son moitos, e durante os meses de maio, xuño e xullo dedicaba todo o meu tempo libre ás festas, en lugar de á miña familia. Sentín que chegara o momento de pasar o relevo. Os compañeiros que tiña non quixeron seguir, pero si que lles ensinamos todo o que puidemos á nova xente que entrou, que levan dous anos e xa teñen plans para un terceiro. Ojalá boten outros vinte anos como nós.
A idea é que tamén haxa relevo na Festa da Merluza?
Esa é a miña intención desde que comezamos en setembro. Quero facer un par de anos na organización para entender ben como funciona todo. Gustaríame que a Comisión de Festas asumise a Festa da Merluza como un apoio económico para as patronais. Se quedan dous pesos de beneficio, que queden para iso. A miña esperanza é que no futuro sexan eles quen a leven.
Queres engadir algo máis?
Si, gustaríame dar as grazas a todas as entidades e patrocinadores que fan posible esta festa: a Deputación, a Secretaría do Mar da Xunta de Galicia, a Cofradía de Pescadores, Puerto de Celeiro, o Concello de Viveiro, Estrella Galicia, Aceites Abril, Gadis e Abanca. Sen esta xente, non sería posible organizar a Festa da Merluza.