Perfecto Parapar, figura clave do Entroido viveirense, foi nomeado pregoeiro do Entroido de Viveiro 2026. Cunha traxectoria profundamente vinculada á tradición local, Parapar asume agora un papel que busca recuperar a esencia da festa.
-Que supuxo para vostede recibir a proposta de ser pregoeiro do Entroido de Viveiro 2026?
-Foi unha sorpresa, claro. Consensuéi coa miña familia e, tras reflexionar, aceptéi encantado.
-Sente unha responsabilidade especial ao inaugurar unha tradición que o Concello recupera este ano?
-Si, hai unha responsabilidade porque non só represento a min, senón a toda a tradición carnavalesca de Viveiro. Quero que se recupere a esencia verdadeira do Entroido.
-Que significa para vostede o Entroido de Viveiro a nivel persoal?
-É tradición familiar. Sempre estivemos involucrados nas comparsas e no carnaval desde os anos setenta, así que é unha parte moi importante da miña vida.
-Como viu evolucionar esta festa ao longo dos anos?
-Antes había pequenas comparsas, murgas e coros que criticaban e divertían á sociedade. Co tempo, a festa foise facendo máis grande, pero tamén se correu o risco de comercializarse demasiado.
-Que cre que fai único o Entroido viveirense fronte a outros da comarca ou de Galicia?
-O Entroido de Viveiro ten unha tradición moi viva, con historia familiar e colectiva. Non é só un desfile; ten crítica social, costumes e traxes típicos que non se atopan noutros lugares.
-Que papel xogan as persoas que, ano tras ano, manteñen viva a festa?
-Todo depende das persoas. O Entroido necesita ideas, implicación e entusiasmo. Sen iso, non hai festa que valga.
-Pode adiantar algo sobre o seu discurso do pregón que ofrecerá no Teatro Pastor Díaz?
-Será un discurso máis ben vivencial. Quero que a xente sinta a historia do Entroido a través das miñas experiencias.
-Que lembranza do Entroido conserva con máis cariño?
-Non podo escoller unha soa, pero todas as vivencias cos meus pais e familia teñen un valor especial.
-E, se tivese que definir o Entroido de Viveiro cunha palabra, cal sería?
-Tradición.