A Rede de polos da Xunta conta con 15 oficinas distribuídas por todo o territorio, nas que se asesora de xeito personalizado a calquera persoa que queira poñer en marcha un negocio. Xa prestou axuda a máis de 4.000 proxectos
Galicia aposta polo emprendemento como un motor de crecemento, competitividade e xeración de emprego e riqueza, un eido ao que en 2025 se destinan máis de 32 millóns de euros. O Goberno galego marcouse como unha das súas prioridades estratéxicas poñer ao servizo do tecido emprendedor todos os recursos e apoios necesarios para favorecer que aquelas persoas que queren poñer en marcha un proxecto ou negocio atopen na rexión o acompañamento necesario para facelo realidade.
A principal canle e máximo expoñente desta aposta é a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, unha iniciativa nada en xullo de 2022 que presta, de maneira gratuíta, asesoramento individualizado, tanto a quen desexa emprender na Comunidade como a quen xa o fixo, pero quere consolidarse. A Rede ten, ademais, un gran foco no rural, co obxectivo de dinamizar a economía local, fixar poboación e combater o reto demográfico.
Actualmente, conta con 15 oficinas activas, situadas en diferentes localizacións do territorio galego: catro na provincia de Ourense (O Carballiño, Baños de Molgas, O Barco de Valdeorras e Verín), tres na provincia de Pontevedra (Silleda, O Porriño e Vilanova de Arousa), tres na provincia da Coruña (Ferrol, Coristanco e Melide) e cinco na provincia de Lugo (Friol, Mondoñedo, Sarria, A Fonsagrada e Monforte de Lemos).
Desde a súa apertura, no total de Galicia xa se atenderon máis de 4.000 experiencias de emprendemento —un 20% delas lideradas por persoas de fóra da comunidade e arredor do 60% promovidas por mulleres— entre as que predomina o sector servizos, seguido da hostalería e das actividades de comercio. Ademais, realizáronse máis de 11.200 titorías. Esta ferramenta tamén promove a coordinación e conexión do ecosistema emprendedor para sacar máximo aproveitamento do seu potencial como xerme de novas ideas de negocio, como demostran as máis de 1.300 actividades de apoio postas en marcha en todo este tempo.
Este acompañamento integral e gratuíto complétase tamén con axudas económicas, como a orde aberta ata o vindeiro 30 de xuño para apoiar os proxectos de novos emprendedores, dotada cun orzamento global de 6,7 millóns de euros e apoios que poden chegar ata os preto de 35.000 euros.
Remuda xeracional e atracción de talento foráneo
Dentro da Rede de polos, Galicia tamén ten en marcha un plan específico de remuda xeracional, ofrecendo acompañamento para asesorar, axilizar e facilitar os procesos de transmisión de negocios en funcionamento establecidos no territorio para garantir a súa continuidade e evitar o peche. O programa pon en contacto a aqueles que cerran a súa empresa con persoas interesadas en facerse cargo dela, apostando así por un proxecto consolidado e viable e reducindo os riscos. Isto complétase con axudas económicas como o Bono Remuda (1,2 millóns de euros), unha das cinco liñas incluídas este ano na orde unificada para autónomos, dotada en conxunto con máis de 40 millóns de euros. A achega é de 6.000 euros para os negocios situados en concellos de menos de 10.000 habitantes (Bono remuda rural) ou de 3.000 euros para os localizados en municipios de máis de 10.000 (Bono remuda xeral).
Outra das funcións da Rede é favorecer a integración sociolaboral dos galegos do exterior que contemplen o autoemprego como vía para o retorno. Trátase dunha medida que permite seguir sumando talento e capacidades ao tecido produtivo da Comunidade. Este colectivo tamén conta co apoio do programa de mentoría Merlo para emprendedores retornados e de axudas específicas para os seus proxectos por conta propia, cun investimento de 1 millón de euros e aberta ata o 30 de setembro.
Nómades dixitais no rural
O labor da Rede polos complétase co desenvolvemento de proxectos destacados que reforzan todo o ecosistema. Entre eles salienta a 2ª edición de Fixar, na que participarán arredor de 80 persoas emprendedoras, afondando na atracción de nómades dixitais ao rural galego e o modelo dos coliving como dinamizador territorial. Trátase dunha iniciativa pioneira da Xunta en colaboración coa Asociación Cultural Sende que se desenvolve tres espazos coliving: Sende (Lobeira, Ourense), Anceu, (Ponte Caldelas) e iSlow, Laxe (A Coruña). Nesta nova edición afondarase en determinar potenciais negocios necesarios no ámbito comarcal, de maneira que a súa posta en marcha poida ser beneficiosa para a persoa emprendedora e para a contorna, explorando as sinerxías locais e coa propia Rede de polos. Outro exemplo de actuacións a prol do emprendemento son a nova andaina de Xerme, impulsada co Clúster do Ecommerce Galego para apoiar iniciativas no ámbito do comercio electrónico; e Alento, que xunto ao Clúster da Comunicación de Galicia ofrece asesoramento especializado en márketing e comunicación a proxectos emprendedores.
Rexión Emprendedora Europea 2025
Galicia conta con recoñecemento comunitario como Rexión Emprendedora Europea 2025. Trátase dun galardón ao esforzo para desenvolver o potencial das catro provincias a través de iniciativas empresariais que dinamicen a economía, atraian a traballadores de alta cualificación e impulsen novos negocios ligados ao territorio, contribuíndo así a fixar poboación no rural.